Escoitar

O alcalde visita as rehabilitadas galerías subterráneas do Castro coas que se da outro paso para “recuperar a épica de Vigo”

Os túneles estarán abertos desde o vindeiro luns 14 de setembro, previa cita concertada a través do servizo 010 de atención cidadá. O Concello organizará visitas guiadas para a cidadanía, tanto para escolares como para grupos.

xoves, 14 set 2023
O alcalde e Carmela Silva no interior do túnel da Muralla
O alcalde e Carmela Silva no interior do túnel da Muralla

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a primeira tenente de alcaldía, Carmela Silva, percorreron esta mañá as rehabilitadas galerías subterráneas e a polvoreira da muralla do Castro, que a partir do próximo luns 18 poderán ser visitadas polo público previa cita concertada a través do servizo de atención cidadá 010 do Concello olívico.

O rexedor puxo en valor a terceira gran restauración realizada polo seu goberno desde 2014, coas que se recuperou para o goce de vigueses e visitantes un dos emblemas máis importantes de Vigo, porque ademais de recuperar a historia de Vigo a través da rehabilitación e conservación da muralla e da súa contorna, propíciase que a cidadanía suba ao Castro. "Trátase dunha obra singular e de gran importancia, que recupera unha parte da historia de Vigo en sentido máis dinámico e moderno”, afirmou ao recalcar que “fomos o goberno da historia de Vigo que máis investiu e mellorou" a muralla.

A intervención nas galerías subterráneas e na polvoreira adentrarán aos visitantes na medula dunha construción iniciada en 1963, xa que se recrea o ambiente orixinal, tanto con sons que enchían os túneles que acolleron aos feridos da contenda cos ingleses, como con recreacións audiovisuais da mesma.

As obras, orzamentadas en 1.400.000 euros, foron financiadas polo Goberno central, sen contar con apoio económico da Xunta de Galicia.

Caballero salientou que no camiño de “recuperar a épica” que representa a muralla do Castro atópanse as obras de 2014, coa eliminación dun edificio hostaleiro que afeaba a contorna, así como as de 2020 centradas na rehabilitación da muralla con obras cun investimento de 785.000 euros e as de 2022 de restauración do paseo da muralla.

O alcalde anunciou que ao longo deste mandato e o próximo as novas intervencións centraranse nos accesos ao Castro.

Horarios das visitas guiadas á galería soterrada e á polvoreira:

- Neste mes de setembro, os luns e os venres (de 11:00 a 13:00 horas) o espazo estará aberto ao público en xeral

- A partir de outubro as visitas dos luns e os venres serán para os centros educativos.

- Para o público xeral os horarios e días de visita son:

. De martes a xoves (de 11:00 a 14:00 horas)

. Sábado (de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas)

. Domingo (de 11:00 a 14:00 horas)

Por outra banda, a apertura do primeiro e o segundo recinto da fortaleza (onde se encontran os paneis expositivos e audiovisuais) terán un horario de verán, de luns a domingo de 11:00 a 22:00 horas, e de inverno, de luns a domingo, de 11:00 a 22:00 horas.

O alcalde e Carmela Silva no interior do túnel da Muralla
Descargar todas as imaxes