Escoitar

Calviño asegura que a formación teatral nas escolas quedará garantida

O concelleiro de Educación, Xulio Calviño, asegura que a formación teatral para nenos e mozos quedará garantida nos colexios de Vigo a través de programas descentralizados que se impartirán en tres centros de primaria e outros tres de secundaria distribuidos pola cidade. Deste xeito, darase continuidade ao programa impartido pola Escola Municipal de Teatro, que durante os últimos catro anos ofertou formación similar na escola Mestres Goldar.

mércores, 1 out 2003
1065013973calvin.jpg
Xulio Calviño
Calviño recalcou que o baixo número de alumnos cos que o pasado curso contou a escola –nove, dos cales cinco xa remataron os estudios- obrigou ao Goberno a replantexarse o futuro da mesma, pero nunca o seu peche. "Estudiados os números entendemos que sería unha grande responsabilidade prorrogar nesta situación un contrato que rematou o pasado mes de xuño. Nestes momentos estamos traballando na busca de fórmulas que permitan seguir coa formación teatral".

Respecto ao ciclo de arte dramático que ata o de agora se compoñía de tres cursos, nos que este ano estarían matriculados catro alumnos, o concelleiro apuntou a necesidade de definir un plan xeral de Educación Teatral e anunciou que se contrataría unha asistencia técnica para elaborar este proxecto dado que o Concello non ten especialistas nesta área. Calviño asegurou que o departamento de Educación municipal leva traballando neste tema desde o pasado mes de xuño, engadiu que o obxectivo é elaborar unha programación por ciclos formativos.

Calviño explicou que o Concello tiña un compromiso cos alumnos que este ano están matriculados e engadiu que contarán con cursos de trescentas horas lectivas, ás que se sumarán outras de titorías, co fin de que a formación sexa similar á que recibían na Escola Municipal de Teatro. "Fixemos todo o esforzo posible para concentrar as clases e así poder dar comenzo canto antes ao proxecto que estamos obrigados a presentar", recalcou o edil.

O concelleiro de Educación reiterou ao longo da rolda de prensa o compromiso do Concello coa formación e co teatro e recalcou o interese do Goberno para que Vigo sexa sede da Escola Superior de Teatro, tal e como demostra o feito de que o alcalde, Ventura Pérez Mariño, incluira esa petición na entrevista que mantivo co presidente da Xunta, Manuel Fraga.
Descargar todas as imaxes