Escoitar

O programa de apoio á infancia contará con máis recursos

A concelleira de Benestar Social, Olaia Fernández, amosou o apoio e continuación do programa á infancia que desenvolve o Concello dende o ano 2001 despois de avaliar coa comisión de seguimento a necesidade do mesmo e dotalo de máis recursos económicos e humanos.O programa tenta evitar a inadaptación e exclusión social dos menores.

mércores, 1 out 2003
O Programa de Apoio á Infancia ten como punto de partida a atención integral á infancia, intervindo nos tres parámetros básicos, familiar, educativo e comunitario, priorizando as actuacións preventivas. Os obxectivos do mesmo son evita-la inadaptación e exclusión social dos menores: aborda-las situacións problemáticas e de risco na infancia cunha intervención preventiva dun agravamento futuro destas.

Os destinatarios do programa son menores escolarizados en educación primaria e secundaria. Nestes momentos o número de centros cos que se traballa son 32 colexios públicos da cidade, 14 concertados e 10 institutos. O resumo dos datos cos que traballa o equipo do programa son a data de hoxe , 262 número de expedientes abertos; 496 menores cos que se está a traballar; 147 casos arquivados; 66 casos arquivados por mellorar a situación .

O perfil dos menores cos que se traballa son alumnos ou alumnas que presentan absentismo escolar; que estean en situación de risco derivados do seu entorno familiar; que presenten fracaso escolar ou baixo rendemento escolar non atribuíble unicamente a causas educativas ou escolares; non implicación reiterada dos pais e nais; conductas antisociais con compañeiros, profesores; posible desestructuración familiar ou falta de motivación ou orientación que conleve a conductas de ruptura da marcha da clase.

O equipo da infancia está formado por unha coordinadora , unha traballadora social, un psicólogo, unha educadora social e unha mestra.

Os recursos cos que conta o equipo para traballar establécese mediante convenios de colaboración con entidades da cidade. Deste xeito a concellería de Benestar Social ten convenios coa Asociación Acción Solidaria de Estudiantes, Abertal, Hijas de María Inmaculada, Plan Comunitario de Teis e Casco Vello para realizar actividades centradas no apoio educativo e escolar, complementadas por actividades culturais e de lecer. O apoio en áreas psicolóxicas e educativas préstano os Gabinetes Karma, Psicoestudio e a Asociación para a Prevención e Intervención Psicolóxica.