O martes de Entroido será festivo local no 2024
O alcalde tamén deu conta da ocupación hoteleira do primeiro fin de semana de setembro, que foi do 80%. Aprobada a prórroga do servizo de limpeza dos 8 cemiterios municipais.
Abel Caballero informou esta mañá da proposta de festivos locais do ano 2024, que se levará a pleno a vindeira semana, sendo o primeiro o martes de de entroido (13 de febreiro) e a festividade de San Roque (venres 16 agosto). O rexedor sinalou que “tivemos que modificar a planificación habitual, xa que este ano o 28 de marzo, día da Reconquista, xa é festivo ao cadrar en Xoves Santo”.
Turismo
Vigo alcanzou un 80% de ocupación hoteleira no fin de semana inicial do mes de setembro. “Unha tendencia que continúa”, explicou o alcalde, e que coloca a Vigo “en cifras das cidades máis turísticas de España”.
Xunta de Goberno Local
A Xunta de Goberno Local do pasado venres 2 de setembro aprobou a prórroga do contrato de servizos de limpeza, acondicionamento, conservación e mantemento integral dos 8 cemiterios municipais (Beade, Bembrive, Cabral, Candeán, Lavadores, Pereiró, Teis e Zamáns). O contrato esténdese de novembro deste ano a novembro do 2024, cun importe de 309.897€, que permitirá “manter o alto nivel de limpeza actual”.