Vigo, escenario do I Encontro Internacional Volkswagen Aircooled
A cidade será o punto de saída desta xuntanza dos clásicos “escaravellos” na fin de semana do 7 e 8 de outubro, días nos que a organización agarda contar con preto dun cento destes vehículos.
O alcalde participou este venres no Monte do Castro na presentación do I Encontro Internacional Volkswagen Aircooled Vigo-Monteferro-Baiona, que organiza a Asociación Käfer Galicia.
O programa ten prevista a saída en caravana dos coches participantes o sábado 7 de outubro desde Montero Ríos, seguindo por Colón, con percorrido polas rúas máis céntricas da cidade cara ao Monte do Castro. Logo a comitiva visitará Castrelos e fará un circuíto turístico pola cidade. O domingo día 8 inician a ruta en Cabo Silleiro e rematarán na Serra da Groba.
Abel Caballero valorou que o encontro permitirá “facer historia e felicito á organización por realizalo porque recuperar memoria é sentir o orgullo do que fomos”, en referencia á historia destes coches e á súa presenza na sociedade.
Jesús Pazos, presidente da Asociación Käfer Galicia, agradeceu o apoio do Concello a este evento que agardan que “sexa un éxito” e co que queren reunir na cidade a un cento de coches e atraer outros chegados de Portugal e algún outro país de Europa.