Escoitar

O alcalde sinala que o Concello traballará “coa máxima premura porque o PXOM urxe moito”

Abel Caballero celebra que a Xunta de Galicia emitira onte o informe favorable do expediente de avaliación ambiental estratéxica do documento “aínda que chegue tarde e nos atrasara 13 meses” de traballo.

venres, 1 set 2023
A Vía Verde de Vigo, un novo espazo de uso cidadá
A Vía Verde de Vigo, un novo espazo de uso cidadá

“Agora importa mirar cara adiante e estamos moi satisfeitos”, sinalou o rexedor, que explicou que os técnicos municipais están analizando o informe, que inclúe suxestións que deben ser tidas en conta. A partir de aí, é preciso un informe do Secretario municipal no que recolla os pasos administrativos necesarios a dar para a aprobación provisional do PXOM por parte do Concello.

“É momento de estudo, de elaboración do calendario pero iremos coa máxima premura”, di, xa que “ten que ser o antes posible porque urxe moito. É importantísimo que Vigo teña un plan que permita vivenda accesible, espazos dotacionais, espazos públicos, zonas verdes e vivendas para que a xente con menos recursos poida ter a súa vivenda en alugueiro ou propiedade”.

Caballero explicou que o anterior Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo fora anulado no Tribunal Supremo pola ausencia deste informe de avaliación ambiental, que a Xunta considerara no seu momento que podía ser eximido. Pero agora, o novo PXOM conta con este “informe feito, valorado e aprobado”.

 


No referente ao contido do PXOM, o rexedor destacou que prevé a construción de 50.000 vivendas libres de especulación - “encargámonos de que a especulación non forme parte do plan en Vigo e de ningunha actuación urbanística na cidade”- das que 15.000 terán algún tipo de protección para venda ou alugueiro, “pensando na mocidade, na xente que inicia a súa vida laboral e quere emanciparse” e augurou a baixada do prezo da vivenda nova na cidade.

O documento contempla tamén a habilitación de espazos dotacionais para dedicar a campos de fútbol, béisbol, rugby, pavillóns deportivos, espazos culturais, escolas de música, ámbitos veciñais. “Precisamos máis dotacións en Vigo que non contemplaba o plan anterior”, apuntou.

En terceiro lugar, Caballero salientou a existencia de máis do dobre de metros dedicados a zonas verdes “e en Vigo temos poucas zonas verdes”, o que atribúe a que “no franquismo e en épocas ulteriores, o urbanismo funcionou sobre a especulación; non se vía para as zonas verdes e de expansión”, citando como exemplo Martínez Garrido, onde o goberno municipal quere que a antiga estación de autobuses sexa un “gran pulmón verde desta zona da cidade”.

Amais, citou a necesidade de configurar novos parques e o proxecto de converter o Lagares nun pulmón verde para conseguir que unha das zonas do Vigo urbano teña acceso a paseos.

 

 

 

Descargar todas as imaxes