O Concello contrata o servizo de mantemento do Vigo Vertical
A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do contrato cun importe de 419.000 euros ata 2025. A empresa recibirá de xeito inmediato as incidencias e terá que actuar en menos de dous horas. A cidadanía poderá consultar na plataforma Smart City do Concello o estado dos 22 elementos mecánicos sometidos a control.
Abel Caballero deu conta da contratación so servizo de mantemento dos ascensores, escaleiras e ramplas mecánicas por un importe de 419.000 euros ata 2025. Este contrato inclúe 22 elementos mecánicos, entre os que están incluídos algúns próximos ao remate das obras. Segundo enumerou o alcalde en rolda de prensa, estarán sometidas a control las escaleiras de Porta do Sol, Pizarro, Praza Portugal e Talude; as ramplas de Gran Vía, centro de saúde de Teis, centro de saúde de Lavadores, Travesía – Aragón, Carral, Escultor Gregorio Fernández e o colexio Losada; e os ascensores de Juan Ramón Jiménez, Pizarro, Marqués de Valterra, San Salvador, Parque Camilo José Cela, Praza Estación, Juan Ramón Jiménez (2), Avenida Hispanidade-Romil, Travesía-Aragón e o HALO.
“Daremos resposta ás incidencias en menos de dos horas, unha se é un ascensor. Un control a través de medios telemáticos 24 horas 365 días ao ano”, declarou o alcalde. A empresa recibirá notificacións dos elementos mecánicos, tamén o propio Concello. Amais, haberá un novo software na plataforma Smart City do Concello para que a cidadanía coñeza o estado do funcionamento das ramplas, escaleiras e ascensores.
Para Caballero “o obxectivo é o funcionamento ininterrompido desde as 7 ás 23 horas de domingo a xoves e unha hora máis o resto de días, ata ás 24 horas. “Somos un dos concellos de Europa con máis accións mecánicas de transporte”, subliñou nas súas declaracións.
Planificador de viaxes sostibles
A Xunta de Goberno tamén adxudicou o servizo de planificador de viaxes multimodal para o transporte sostible en autobús, bicicleta ou peonil na App Vigo e na web municipal. Supón un investimento de case 55.000 euros e estará dispoñible a finais de ano.
Segundo explicou o rexedor, trátase dun sistema de cálculo de rutas enfocado á cidadanía e ao turismo para fomentar a mobilidade sostible. O servizo calcula desprazamentos entre dous puntos da cidade para facelo de xeito intelixente e óptimo, incluíndo os elementos do Vigo Vertical. Caballero explicou que o sistema está preparado para incorporar futuros medios de transporte intermodal como os barcos da ría, buses interurbanos ou servizos ferroviarios.
Política social
Tamén este venres se aprobaron axudas a 38 entidades sociais cun importe de case 70.000 euros para a realización de actividades sociais durante o ano 2023. Estas asociacións presentaron ao goberno local proxectos, programas e actividades para dar apoio ás persoas máis vulnerables.
A Xunta de Goberno tamén aprobou os cursos do Centro de Formación da Rúa Alta cun importe de 162.000 euros, financiados con fondos europeos FEDER do proxecto DUSI.