O Concello reitera a demanda á Xunta para asinar o convenio que garanta a construción do instituto de Navia
Abel Caballero sinalou que vai “enviarlle de novo á Consellería de Educación o convenio para garantir a construción do instituto de Navia”. Recordou que xa en febreiro de 2020 enviou unha primeira misiva o presidente da Xunta polo mesmo motivo, reiterada en maio do ano pasado.
Na rolda de prensa matinal deste luns, o alcalde volveu insistir en que a única maneira de garantir a construción do IES de Navia é a sinatura dun convenio que obrigue á Xunta a executalo. Lembrou que a inclusión desta dotación nos orzamentos autonómicos non asegura a construción.
“Neste convenio pomos inmediatamente o solo a súa disposición de forma gratuíta, e así eles comprometense a realizar a obra nuns tempos determinados”, pero como engadiu Caballero, “non o queren firmar, demostrando que non queren facer o instituto de Navia”.
O alcalde recordou que van varios “enganos” por parte da Xunta, xa que “sendo eu alcalde puxemos o solo a disposición da Xunta para o Centro de Saúde de Bouzas, 12 anos despois estaba sen facer”. Tamén aludiu ao IFEVI, xa que o Concello comprou os terreos para a ampliación, “e resulta que non o destinan o IFEVI, utilízano para outros usos”.