Escoitar

O Concello e Caixanova asinan un convenio de colaboración de 60.000 euros de cara á World Fishing

O Alcalde de Vigo, Ventura Pérez Mariño, e o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, asinaron hoxe un convenio de colaboración para sufragar os gastos derivados da posta en marcha da Feira Mundial da Pesca. Segundo o acordo, a entidade financeira destinará 60.000 euros para a organización deste acontecemento internacional de tan grande transcendencia para Vigo.

venres, 12 set 2003
Pérez Mariño agradeceulle ao director xeral de Caixanova a vontade de colaboración e recalcou que o responsable da entidade financeira non dubidou un instante á hora de prestarlle a súa axuda. "Más allá de mi propia gratitud, quiero expresar a Caixanova el agradecimiento de toda la ciudad por la labor que viene desarrollando".

A continuación, Fernández Gayoso recordou que a firma deste convenio ven confirmar a continuidade da política de colaboración permanente que se establece entre o Concello e Caixanova. O director xeral fixo un repaso das últimas actuacións sociais e culturais realizadas pola entidade financeira, como o Marco ou a Fundación Laxeiro, e destacou o histórico compromiso que Caixanova ten co mundo da pesca.

Programa

O Alcalde de Vigo adiantou que o Concello vai poñer en marcha unha campaña informativa para explicar qué é a Feira Mundial da Pesca e que deste xeito todos os vigueses poidan comprender a importancia deste acontecemento e se animen a formar parte del. Asemade, o Alcalde fixo especial fincapé na utilización do transporte público para achegarse ao recinto de Cotogrande, que o sábado e o domingo será gratuito.

Os actos da World Fishing organizados polo Concello comezarán o mércores, día 17 ás 10:00 horas, cando os alcaldes das sete grandes cidades de Galicia izarán a súa correspondente bandeira local no recinto feiral de Cotogrande. Despois procederase a solta de pombas e haberá unha actuación musical. "Nos pareció muy significativo que las ciudades más importantes de Galicia formaran parte de un acontecimiento como esta Feria. Más allá de localismos, queremos mostrar a la Galicia más emprendedora, teniendo como capital Vigo".

A continuación, os alcaldes visitarán a exposición, para trasladarse despois ata o Museo de Arte Contemporáneo, onde recibirán aos membros da Welsh Guard Band, cando ésta remate o seu desfile pola rúa Príncipe. Despois de percorrer as instalacións do Museo de Arte Contemporáneo e de ser convidados a comer no Pazo Quiñones de León, os sete edís galegos visitarán o Museo do Mar.

As 18:00 horas voltarán ao recinto feiral do Ifevi para presenciar a inauguración oficial da World Fishing. A xornada rematará as 21:00 horas nunha cea multitudinaria que se organizará no Museo de Alcabre para autoridades, expositores e profesionais do sector da pesca. O xoves día 18 terá lugar en Castrelos a recepción oficial de expositores ás 20:00 horas na que se contará coa actuación musical da Welsh Guard Band.

O Concello terá que investir ao redor de 120.000 euros na posta en marcha destes preparativos, pero o Alcalde precisou que esta cantidade será integramente asumida pola colaboración de entidades privadas.