Escoitar

Exposición "Malas Artes: Maquinacións"

Dende o 12 de setembro ata o 12 de outubro estará aberta na Sala dos Peiraos a exposición colectiva sobre o mundo das máquinas.

venres, 12 set 2003
1063367954malasartes2.jpg
Malas Artes
O proxecto MALAS ARTES trata de pescudar nas propostas más anovadoras e contemporáneas da vangarda artística galega que levan a cabo os e as artistas máis mozos en exposicións colectivas vehiculadas en torno a distintos temas. O comisariado do proxecto corre a cargo de Xosé Manuel Buxán Brau, e a exposición está organizada pola Concellería de Cultura.

A Sala dos Peiraos convértese con estas exposicións nun territorio de experimentación, nun laboratorio no que se investiga coas propostas máis radicais e novidosas da arte contemporánea galega. O espacio dos Peiraos énchese decote de propostas xoves que subverten as habituais exposicións de arte.

Malas artes, é un proxecto artístico novidoso que trata de enfrontar aos artistas plásticos con aqueles temas sociais, políticos e culturais nos que se atopa mergullada a nosa sociedade actual.

A primeira das exposición reflexionábase en MALAS ARTES: PROTOTIPOS, sobre o mundo do deseño industrial e a creación de obxectos de uso. A segunda exposición, titulada MALAS ARTES: VERBALIDADES, agrupaba a un grupo de artistas que fan das verbas, un lugar de encontro coa arte. Logo, en MALAS ARTES: PRÊT-À-PORTER, os traballos presentados polos distintos artistas dialogaban coa moda, co mundo da costura, das teas e o textil. Agora, dáse paso as MAQUINACIÓNS dos artistas: Berio Molina Quiroga, Sr. Pause, Ana Fernández Grueiro, Chiu Longina, Carlos Gómez Martín, José Antonio Rey Fraga, Isaac Cordal e José Javier Caballero Orio.

Estes artistas realizarán proxectos artísticos para a Sala dos Peiraos que tratan sobre o mundo das máquinas, dos trebellos e artiluxios mecánicos ou eléctricos, das posibilidades e imposibilidades da tecnoloxía, das imaxes electrónicas, da luz, da computación, dos sons. E sobre todos estes mundos discorren os traballos dos oito artistas participantes, mozos que están nos inicios da súa carreira artística e que ofrecen nesta exposición as particulares visións que cada un deles teñen do tecnolóxico e as máquinas en relación co ser humano, coa cultura e coa arte.

O horario de apertura da Sala dos Peiraos (Praza da Constitución, 14 – 1º) é:
- Luns a venres: 18:00 a 21:30
- Sábados: 11:00 – 14:00 e 18:00 a 21:30
- Domingos: 11:00 – 14:00
Descargar todas as imaxes