Escoitar

O Concello aproba a rehabilitación integral do Pazo da Raposeira

A Xunta de Goberno local deu luz verde este xoves ao proxecto de rehabilitación e acondicionamento do espazo, que ten un orzamento de 1.850.000 euros, e que supoñerá a posta en valor do monumento.

xoves, 9 feb 2023
Infografía da rehabilitación proxectada
Infografía da rehabilitación proxectada

O Concello de Vigo acometerá a recuperación do Pazo da Raposeira, situado en Sárdoma, cun investimento total de 1.850.000 euros, a meirande parte procedente de Fondos Europeos Next Generation EU, a través dunha subvención de 1.495.000 euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. Vigo, polo tanto, achegará arredor de 350.000 euros. Con todo, sinalou Abel Caballero, a obra enfróntase ao adiamento da Xunta de Galicia, dado que Patrimonio non emitiu aínda o informe pertinente para realizar a obra, o que pon en perigo os fondos concedidos que teñen “data de caducidade”.

O rexedor explicou en rolda de prensa que o Pazo da Raposeira é un “monumento de gran valor arquitectónico e histórico. Formaba parte dun vello convenio dos anos 80 cun supermercado da contorna, que debía entregalo ao falecer os propietarios”, e foi recibido en estado “lamentable”, polo que é necesaria a rehabilitación de xeito “integral”.

Tal e como explicou, as actuacións inclúen a mellora da envolvente térmica coa substitución das carpinterías exteriores, a eliminación de elementos estruturais non conformes introducidos en actuacións recentes, a restitución da estrutura do teito e do piso superior en mal estado, a limpeza dos revestimentos das paredes e solos da capela mediante a creación dun novo pavimento de pedra, o saneamento e limpeza da fábrica de granito existente e unha mellora da accesibilidade. Ademais, está prevista a rehabilitación das edificacións exteriores (palleira, crucería, estanque, mesas, columnas), así como a recuperación do xardín francés e o saneamento e limpeza do muro exterior de peche da parcela

Novos espazos para murais artísticos na cidade

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén este xoves o expediente de contratación das obras do IX Programa de murais artísticos nas medianeiras da cidade cun orzamento de 181.000 euros. Con este proxecto, o goberno municipal “segue facendo arte na rúa, seguimos collendo paredes espidas e pintando obras de arte para transformar a cidade de Vigo con grandes murais”.

Os murais que se pintarán este ano estarán no Colexio Mestres Goldar, no muro exterior urbanización Sotavento, no Colexio Compañía de María, en Castelao 26, na rúa Benito Castro Nogueira, 8; na pista deportiva de Torrecedeira; no Polideportivo de Valadares; na rúa Coutadas número 87 e 185; en Travesía de Vigo 191; no número 21 de Clara Campoamor; en Abeleira Menéndez; no número 18 da rúa Navarra e en Doutor Carracido 130.

 

Infografía da rehabilitación proxectada
Descargar todas as imaxes