Vigo prorroga ata 2024 a exposición de Francisco Fernández del Riego
O alcalde informou da decisión municipal de estender un ano máis a presenza da mostra “Nos vieiros da arte” na Pinacoteca, coincidindo coa conmemoración do Día das Letras Galegas de 2023 dedicado a Fernández del Riego.
Segundo apuntou o rexedor en rolda de prensa este luns, o Concello “dalgunha maneira, adiantouse ao ano de Fernández del Riego e con antelación preparamos unha exposición notable que manteremos durante todo o ano 2023”. Así, prorrógase durante un ano, na Pinacoteca Francisco Fernández del Riego, a mostra titulada “Nos vieiros da arte” que tratará de “reforzarse na medida do posible”, segundo o alcalde.
A mostra inclúe máis de cen obras de arte e documentos que permiten trazar a interacción de Fernández del Riego con outros artistas galegos, sendo salientable a proximidade e influenza de Luís Seoane. Permite contemplar obras das coleccións municipais do Quiñones de León, da Colección Fernández del Riego e do Comodato Colmeiro con achegas puntuais da Fundación Penzol, Editorial Galaxia e Afundación.