Vigo continúa a obra da Porta do Sol en Carral coa protección da muralla
O alcalde informou na rolda de prensa deste xoves dos pasos que dará o Concello para avanzar nas obras de humanización da Porta do Sol, paralizadas por cuestións arqueolóxicas por Patrimonio da Xunta de Galicia.
“Seguimos adiante coa obra da rúa Carral e a súa conexión coa praza da Porta do Sol. A Xunta xa non pode poñer máis impedimentos, fomos sacando tódolos peros que poñían desde Patrimonio Histórico”, sinalou Caballero, que explicou que o Concello conservará os restos da muralla que se sitúan nesta zona, dándolle “protección física e cubríndoa”. Quedaría así resolta a cuestión arqueolóxica xurdida logo da aparición da muralla moderna, entre a Porta do Sol e o antigo baluarte da Lama.
Tal e como explicou aos medios, coa continuación da obra realizarase a instalación da rampla mecánica para salvar a pendente desde a rúa Carral ata a Porta do Sol, tal e como estaba proxectado, co fin de facer accesible a rúa e dar comodidade á cidadanía.
“Esta é unha obra pagada polo Concello de Vigo e, en pouquiño tempo, teremos a rampla. Haberá que movela un pouco respecto ao trazado inicial e poderemos seguir con esta extraordinaria obra”, engadiu.