Escoitar

O Pleno esixe a inmediata reposición da praza de pediatría amortizada no Pintor Colmeiro

O grupo socialista contou co apoio do Grupo Mixto e do conselleiro non adscrito para sacar adiante unha proposición que reclama a reposición de xeito inmediato da praza de pediatría que se vén de amortizar no centro de saúde Pintor Colmeiro. O texto critica que a decisión do Sergas obrigou a redistribuír a 950 nenos e nenas a outros centros sanitarios.

mércores, 26 out 2022

Cos votos favorables de PSOE, do Grupo mixto e do concelleiro non adscrito, o Pleno aprobou unha moción instando ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, á reposición inmediata da praza de pediatría que deixou baleira a xubilación dun facultativo que viña desenvolvendo a súa profesión nos últimos 30 anos no centro de saúde de Pintor Colmeiro. A proposición defendida por Carlos López Font lembra que o Sergas adoptou unha decisión moi negativa para os usuarios ao amortizar esta praza o que supón desmantelar o sistema, ademais de obrigar a redistribuír a 950 nenos e nenas a outros centros de saúde. Coa abstención dos concelleiros populares, a Corporación validou un texto que lembra que a situación da Atención Primaria en Vigo obriga a cubrir cada unha das vacantes que se producen porque a necesidade é precisamente incrementar o número de prazas de acordo coas demandas permanentes de usuarios e do propio persoal.

Listas de agarda

Seguindo coa sanidade, o Pleno tamén acordou urxir, con carácter inmediato, un plan de choque para reducir as listas de agarda dos 12.275 pacientes da área sanitaria de Vigo que hoxe teñen que esperar 76 días para ser operados. O voceiro socialista, Carlos López Font, lembrou que hai 1.700 persoas máis que o ano pasado esperando para someterse a unha intervención cirúrxica o que evidencia que a xestión da Consellería de Sanidade empeora ano tras ano na área de Vigo. A moción, que contou co apoio do Grupo Mixto e do PP e coa abstención do concelleiro non adscrito, esixe tamén a mellora das listas de agarda para consultas que tamén teñen importantes demoras.

Descargar todas as imaxes