Caballero aplaude a aposta de Memorial Quino Salvo "pola base e as lendas"
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou a sexta edición do Memorial Quino Salvo, que se vai celebrar este sábado nos polideportivos de Navia e Quirós (Sárdoma), cun concepto diferente de organización e, como sempre, co patrocinio do Concello de Vigo.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou a sexta edición do Memorial Quino Salvo, que se vai celebrar este sábado nos polideportivos de Navia e Quirós (Sárdoma), cun concepto diferente de organización e, como sempre, co patrocinio do Concello de Vigo. Tras os encontros Obradoiro-Joventut (2016), Obradoiro-Barcelona (2017), Andorra-Porto (2018), Obradoiro-Alba Berlín (2019) e Breogán-Valencia (2021), nesta edición a data que enxalzará a figura daquel escolta vigués da máxima categoría centrarase na promoción do baloncesto de base.
Caballero, que estivo acompañado polo presidente da Asociación Quino Salvo, Ramón Lago; o concelleiro de Deportes, Manel Fernández; e varios membros da organización, celebrou “volver estar no pulo do baloncesto e do memorial”. O evento repartirase entre dous polideportivos. Este sábado pola mañá (9:30), torneo de minibasket alevín, masculino e feminino, no pavillón de Navia. Xa polo serán, o evento terá o novo polideportivo Valentín Bernárdez de Quirós (Sárdoma) como escenario ás 16:30 horas. Lendas do baloncesto galego mediranse nun Norte-Sur feminino primeiro e masculino despois (18:30).
“Cámbiase o concepto; tras os partidos de alto nivel, alternamos coa base e coas lendas do baloncesto vigués e galego”, subliñou. O torneo alevín xogouse na Praza do Rei de 2016 a 2019, pero se suspendeu en 2021 pola pandemia e agora recupérase. O rexedor subliñou que será o primeiro evento deportivo oficial no pavillón de Quirós, inaugurado o pasado día 1.
Caballero, que asegurou que “teremos memorial mentres siga sendo alcalde”, felicitou á organización polo traballo realizado. Lago, presidente da asociación organizadora, explicou que Sergio González, director deportivo do Baloncesto Seis do Nadal, foi o encargado, un ano máis, de montar o torneo de base, que contará con 180 nenas e nenos de oito equipos de clubs e colexios (seis de Vigo, un do Porriño e outro do Morrazo) e que se vai prolongar durante toda a mañá ata as 14:00 horas.
Tamén indicou que “este ano reducimos o programa, pero estamos contentos de organizar actos para lembrar a Quino e sempre nos fixo moita ilusión vincular aos nenos e nenas co baloncesto”, manifestando á vez que o cambio a Navia débese a que “a climatoloxía non axuda”.
Os partidos de lendas, ademais, reunirán a nomes fundamentais na historia do baloncesto galego en xeral e vigués en particular, casos de Ricardo Aldrey, Dori Barciela, Manuel Aller, Anabel Nieto, Marisol Paíno, Suso García, Susana García, Popocho Modrego, Andrés Cadahía, Nacho Arroyo…).
Formado na canteira do Salesianos de Vigo, Quino Salvo faleceu o 8 de xuño de 2016. Foi internacional júnior con España e bronce no Europeo júnior de Santiago en 1976. Como xogador disputou 339 partidos na elite (Primeira División, daquela ACB).