Escoitar

A Orquesta Clásica programa cinco concertos baixo o título "Escoitas"

A temporada arranca o vindeiro 22 de outubro no Teatro Afundación de Vigo. Para a primeira cita a orquestra propón unha escoita británica co concerto “Elgar”, no que contará co violonchelista Guillermo Pastrana. O público xa pode mercar o abono para toda a temporada a un prezo xeral de 65 euros e reducido de 35 euros para menores de 30 anos. Ao longo da temporada estrearanse 3 prezas únicas gañadoras do último certame CreaClásica, organizado en colaboración coa Fundación SGAE. O alcalde louvou a acción da dirección da Orquesta "cunha calidade e talento extraordinario".

luns, 10 out 2022
O alcalde na presentación dos concertos da Orquesta Clásica
O alcalde na presentación dos concertos da Orquesta Clásica

Esta mañá a Orquesta Clásica de Vigo presentou o programa de Escoitas, título da nova temporada 2022-2023, que conta co apoio do Concello de Vigo. Na presentación participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o director artístico da orquestra, Manuel Martínez Álvarez-Nava; e o director técnico e responsable de programación, Manuel Martínez Torres, quen explicou que “a través de cinco concertos, que ofrecerán distintas escoitas, mostraremos un punto de vista diverso e vivo deste paraugas complexo que é a música sinfónica. Nesta nova tempada queremos escoitar obras tan diversas en estilos como en procedencia e, sobre todo, poñer en valor a impronta da nosa orquestra sobre elas”.

O obxectivo da orquestra coa nova tempada é ofrecer cinco escoitas coas que reivindicar o teatro como punto de encontro necesario para que o público descubra a diferenza de escoitar unha interpretación en directo. Como en toda escoita, o espectador ten un papel fundamental para que a obra ocorra nun acto colectivo e determinado. E coas Escoitas, o público tamén fará unha viaxe por diferentes sonoridades. Desde “Elgar”, un concerto do sinfonismo do cambio do XIX e XX, pasando polo Concerto de Nadal que busca elevar a música tradicional á categoría de vangarda, polo minimalismo de “Glass”, a esencia galeguista dos anos 30 coa evocación do filme “Canto de emigración” de Pepe Coira e, finalmente, pola paixón e patetismo do concerto para piano de Chaikovski.

A tempada abrirase o vindeiro 22 de outubro, ás 20:30 horas, no Teatro Afundación de Vigo co concerto “Elgar”, no que a orquestra contará co solista granadino Guillermo Pastrana, que interpretará o “Concerto para violonchelo e orquestra”, do compositor británico Edward Elgar. Trátase dunha obra complexa, visceral e única. “É un orgullo poder abrir un novo ciclo de concertos con Guillermo Pastrana e que, ademais, interprete unha das obras máis fermosas compostas para violonchelo”, sinala Manuel Martínez Torres, director técnico da Clásica.

O concerto para violonchelo e orquestra, composto en 1919 por Edward Elgar, é unha das pezas máis recoñecidas para este instrumento, sobre todo tralo paso na década dos anos 60 do século pasado polas mans de Jacqueline du Pré, artista que elevou esta obra á súa categoría actual. O programa do concerto completarase coa interpretación da “Suite xaponesa” de Gustav Holst, unha peza bastante inusual deste compositor, tamén británico. Así, as dúas obras conforman unha visión do mundo desde unha escoita británica.

Para abrir o concerto, a Clásica estrea “Tempestas”, peza composta polo galego Ismael Amoedo, primeiro premio no ano 2019 do certame CreaClásica, posto en marcha pola Orquesta Clásica de Vigo coa colaboración da Fundación SGAE para fomentar a creación contemporánea en Galicia e apoiar aos músicos emerxentes. Ao longo da temporada haberá outras dúas estreas absolutas: “Preludio da noite sulagada”, de Carme Rodríguez (segundo premio), e “Preludio e Fuga”, de Manuel María Veiga Lombardía (terceiro premio).

Programación

ELGAR

22/10/22 | 20:30h | Teatro Afundación de Vigo Solista: Guillermo Pastrana

CONCERTO EXTRAORDINARIO DE NADAL
29/12/22 | 20:30h | Teatro Afundación de Vigo

GLASS
04/02/23 | 20:30h | Teatro Afundación de Vigo Solista: Marcos Escobar

CANTO DE EMIGRACIÓN (película con música en directo)
26/03/23 | 20:30h | Teatro Afundación de Vigo

CHAIKOVSKI
06/05/23 | 20:30h | Teatro Afundación de Vigo Solista: Giuseppe Andaloro

Venda de entradas

Co fin de promover a asistencia de todos os públicos, a Clásica reduciu os prezos para os concertos desta temporada. As entradas para o primeiro concerto (“Elgar”, 22 de outubro) xa están á venda en Ataquilla.com desde 5 euros e ata 14 euros segundo a butaca. As entradas na billeteira antes do evento custarán 5 euros para menores de 30 anos.

Abono
A Clásica presenta de novo a opción do abono para toda a tempada, co que o público terá dereito a acceder aos cinco concertos de pago desde outubro de 2022 ata maio de 2023. Trátase dun título flexible que servirá para escoller a mellor butaca e asistir a todos os concertos da temporada ou mercar varias entradas para algún deles (ata un máximo de cinco entradas). O prezo do abono xeral é de 65 euros e para menores de 30 anos custa 35 euros. Pódese mercar na librería Versus (Rúa Venezuela, 80, Vigo). Formulario: https://bit.ly/formulario-abono-aclasica_22-23

Descargar todas as imaxes