Escoitar

‘Future Stories’ impulsa desde as salas do Marco a carreira dunha decena de novas tituladas e titulados en Belas Artes

Froito dos traballos fin de grao dos egresados, poderá visitarse desde hoxe e ata xaneiro. A mostra desenvólvese co apoio das bolsas outorgadas pola Fundación MOP.

venres, 7 out 2022

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) acolle dende este venres nas salas do seu primeiro andar a exposición Future Stories, resultado final dun proxecto, que tiña o obxectivo principal de  impulsar as carreiras profesionais dos novos titulados e tituladas en Belas Artes e recoñecer o seu potencial. 

A finais de 2021, a Universidade de Vigo e a Fundación MOP (unha iniciativa cultural de Marta Ortega Pérez) asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de promover a arte emerxente en Galicia a través de Future Stories, un proxecto ao que se destinarían os ingresos pola exposición Peter Lindbergh: Untold Stories, a través da venda de merchandising. Tras o gran éxito da mostra, o proxecto permitiu ofrecer ao alumnado da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo dez bolsas de 4000 euros para o desenvolvemento de proxectos artísticos a partir dos seus traballos de fin de grao.

A convocatoria prevía que os resultados dos proxectos artísticos do alumnado se reunisen posteriormente nunha exposición colectiva nun espazo museístico de referencia, como é o Marco. Neste sentido, o concelleiro de Cultura do Concello de Vigo, Abel Losada, defendeu a colaboración das institucións para poñer en marcha iniciativas coma esta , ao tempo que reivindicou a existencia de espazos de liberdade de expresión, como a Facultade de Belas Artes, “nun momento que está seriamente ameazada. Hai que resistir, parece que todo está feito, pero non é así”, sinalou o edil.

Descargar todas as imaxes