Escoitar

O Concello de Vigo mostra o seu apoio aos eventos do XX Aniversario da Fundación Igual Arte

Carmela Silva e a presidenta da fundación, Cristina Lago, presentaron os diferentes actos que realizará Igual Arte nos próximos meses.

venres, 7 out 2022

Nos próximos meses a Fundación Igual Arte celebra os seus 20 anos e para celebralo pensa levar todas as súas propostas artísticas aos diversos espazos vigueses de interese cultural. Con isto a entidade pretende achegar o seu traballo ao público vigués e reivindicar o seu espazo dentro do panorama artístico da cidade. Carmela Silva sinalou que “é un dos proxectos que pretende traballar polos dereitos e a inclusión das persoas máis potentes de Europa”, engadindo que se trata “dun proxecto incrible”.

O pistoletazo de saída terá lugar o xoves 13 de outubro ás 19.00h en A Morada coa inauguración da exposición “O lugar que ocupo?” e proxección do espectáculo “De lo íntimo”. Continuando este mes coa exposición “De película” do Grupo Revelación da propia fundación, que estará dispoñible en Vialia dende o 17 ata o 21 de outubro.

Durante todos fins de semana de novembro teñen diferentes actividades programadas, e no mes de decembro terá lugar a estrea do espectáculo “Habitarme” da compañía de danza e teatro Al Lío, onde se pon o foco na muller, reivindicando o seu espazo a través da expresión corporal, que se realizará o venres 16 decembro ás 20h en Auditorio do Concello.

Igual Arte é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 2002, co obxectivo de brindar un espazo onde as persoas con diversidade funcional poidan expresarse de maneira artística. Con esta idea deu comezo implementando un programa artístico, que pretende ser unha alternativa máis de lecer.

No ano 2008 deu un paso adiante, brindando ás persoas con diversidade funcional a posibilidade de profesionalizarse mediante a creación do primeiro centro ocupacional artístico. Durante estes anos foron o berce de diferentes formacións musicais (Chungo Pastel e De tapas) así como unha compañía de danza (Al Lío), un equipo de deseño gráfico (Diseñatas) e o seu actual dúo de danza acrobática e circo (Vuelta y media).

 

Descargar todas as imaxes