O Concello retoma o 1 de xullo a actividade cultural gratuíta en Villa Solita
Este espazo histórico-artístico, rehabilitado polo goberno de Vigo, dará cabida un verán máis ao programa musical “Curiosidades Solita”, que se celebra desde o 1 de xullo ao 19 de agosto. Abel Caballero presentou este mércores a iniciativa, que combina a cultura co patrimonio municipal vigués.
O alcalde explicou en rolda de prensa que a programación conxuga distintos estilos musicais, como o jazz, o rock e o rap, con propostas de repertorio galego e actividades complementarias, como presentación de libros e datas para coñecer o ceo e a historia da cidade.
“Vigo está tendo unha vida e unha actividade cultural moi importante”, asegurou Caballero, quen detallou o contido da nova edición de “Curiosidades Solita”, todos os venres desde o 1 de xullo ata o 19 de agosto, con acceso de balde ata completar o aforo da finca indiana do século XIX. “É unha forma de buscar espazos para o desenvolvemento cultural no verán”, argumentou.
O concerto da banda viguesa de rock alternativo West Ride estreará o verán en Alcabre o 1 de xullo ás 21 horas. O venres seguinte, 8 de xullo, Pablo Vázquez e Denis Carballás presentarán á mesma hora o seu libro “Son da cidade”, que compila as dúas últimas décadas da música viguesa, evento que contará coa música en directo de Nicolás Pastoriza. A xornada do 8 de xullo concluirá coa actividade nocturna “De Solita á lúa”, ás 22:30h, coa que se poderá observar o satélite a través dun telescopio e dun equipo de proxección.
O 15 de xullo actuará Dioivo, o dúo de metal fundado en Vigo, e o 22 de xullo, Red Cheeks Quartet, formación de estudantes da Escola Superior de Música de Cataluña cun saxofonista gaditano. O 29 de xullo será a quenda dos vigueses La Cloaka Sound, que estarán acompañados de JCA, cantaor vigués de flamenco fusión. Nos tres casos, desde as 21 horas.
O Concello programa para o 5 de agosto, desde as 22 horas, unha charla do historiador e divulgador astronómico Pablo Martínez Alemparte, quen falará da historia de Villa Solita e guiará aos asistentes polo ceo nocturno estival. O 12 de agosto ás 21 horas, concerto de Lar de Lúa, un dúo acústico formado por Dany Soengas e Mariah Fosado con repertorio de clásicos en galego e outros idiomas. “Curiosidades Solita” pechará a súa edición de 2022 coa actuación de Denis Carballás. O músico vigués interpretará temas propios e clásicos dos anos sesenta do blues e do pop.