Escoitar

O alcalde censura que a Xunta siga en contra da solución para o abastecemento de auga de Vigo

“O problema máis importante da cidade é a auga e imos resolvelo o Goberno de España e o Concello”, avanza, dada a oposición do goberno autonómico á solución proposta polo Estudo de Alternativas “avalado polo Ministerio de Medio Ambiente”.

mércores, 8 xuñ 2022
O alcalde comparece en rolda de prensa
O alcalde comparece en rolda de prensa

Abel Caballero referiuse este mércores en rolda de prensa á carta que o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, remitiu á conselleira de Infraestruturas “reprendéndoa pola súa falta de acción para resolver o problema da seca”. No texto cualifica de “sólido e ben feito” o estudo de alternativas para o abastecemento de Vigo e a súa área que abrangue 600.000 habitantes, encargado polo Goberno de España, polo Concello de Vigo e pola Xunta de Galicia, que está “avalado ao cento por cento polo Ministerio de Transición Ecolóxica” e que “debe poñerse en funcionamento”.

A Xunta de Galicia rexeita a vía que propón o citado estudo e, tal e como sinalou o alcalde, “non quere que haxa transvase desde a confluencia dos ríos Eiras e Verdugo para abastecer de auga, en situación de necesidade, a Vigo, Cangas, Moaña, Redondela e Mos, unha área que supera o medio millón de habitantes. É o mesmo que dixo nas secas dos anos 2012 e 2017, aínda que no 2012 asumía o transvasamento, engadiu. Por iso, sostén que a Xunta “segue absolutamente en contra da resolución do problema da seca en Vigo e na súa área”.

Na misiva remitida á Consellería, o Ministerio expón que, en todo caso, “non trata dunha solución illada” senón dun conxunto de actuacións. “Unha toma de emerxencia na confluencia do Eiras e o Verdugo para evitar que a presa de Eiras en previsión de seca baixe o seu nivel demasiado pronto para dar auga a toda a área de Vigo”, explicou Caballero.

O alcalde rexeitou a contradición do goberno autonómico que está advertindo aos concellos da seca mentres afirma que “a día de hoxe o abastecemento a Vigo e a súa área de influencia ten o 100% de garantías”. Nestes momentos, a presa rexistra un bo nivel de ocupación pero no caso de que non haxa precipitacións nos meses de outubro, novembro e decembro, pregúntase “quen nos dá auga neses meses cos acuíferos baixos e coa presa de Eiras, que é pequena, para o conxunto do territorio?. A cuestión non é o que pasa hoxe senón o que pasará nuns meses”. Así criticou que a Xunta non achegue “nin unha soa medida, nin unha soa decisión para paliar a seca en Galicia” e continúe na mesma tesitura que no ano 2017, pedindo que non se apliquen solucións ao problema cando as hai e “unicamente pedindo que non consumamos auga. En lugar de tomar decisións avaladas polo Ministerio de Medio Ambiente, a conselleira di que non hai nada que facer, que non fagamos nada, a ver que sucede”.

En opinión de Caballero, “o problema máis importante da cidade á a auga. O Goberno de España e a cidade imos resolvelo. Pola contra, a Xunta soamente di que non se fai nada nin hai que facer nada. A Xunta de novo dille a Vigo que está en contra da cidade”. O alcalde puxo en valor a construción da potabilizadora con fondos municipais para abastecer de auga a Vigo, Cangas, Moaña, Redondela e Mos “e a Xunta de Galicia non achega nin un céntimo. Faremos todo o posible para deixar resolto o problema da auga na cidade, que quede resolto para os próximos 70-80 anos”.

 

Descargar todas as imaxes