O Concello e a Deputación invisten case 400.000 euros na cubrición do patio do CEIP Balaídos
Abel Caballero e Carmela Silva participaron este xoves na posta en funcionamento do patio cuberto do Ceip Balaídos, que permitirá aos escolares dispoñer dun espazo pechado para o tempo do recreo e para a práctica deportiva nos días de climatoloxía adversa.
O alcalde apuntou que con esta actuación “o patio quedou esteticamente extraordinario”, cunha zona de recreo cuberta de 930 metros cadrados, “do tamaño dunha pista enteira na que poder xogar ao baloncesto e o balonmán”.
O Concello e a Deputación investiron case 400.000 euros na cobertura do patio do centro escolar cunha estrutura ondulada de malla metálica e cuberta de chapa con illamento. Amais, quedou renovada a rede de pluviais na zona de actuación, repúxose o pavimento da pista deportiva con aplicación de pinturas e pintado do campo deportivo e dotouse a zona de nova iluminación.
No acto celebrado no patio cuberto, Caballero explicou que o colexio tiña deficiencias que “puidemos solucionar co apoio da Deputación” e dirixiuse ao alumnado para dicirlles que “precisan as mellores instalacións e conseguímolas”. A presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que a educación pública debe ter os mellores equipamentos e hoxe conseguímolo co resultado destas obras”.
Cuberta do patio do Javier Sensat
O alcalde informou este xoves da aprobación na Xunta de Goberno Local do proxecto básico e de execución da cuberta do Ceip Javier Sensat por un importe de 366.000 euros. Amais, o Concello está desenvolvendo os proxectos de cubrición dos patios dos centros Villalaura e Frián Teis cun orzamento previsto de 350.000 euros cada un.
“É o que estamos facendo de xeito continuo nos colexios da cidade, obriga da Xunta de Galicia, a quen non escoito nunca explicar por que non atenden aos centros e non cobren os patios e ten que pagalos o Concello”, cando é competencia autonómica, lamentou o rexedor.