Escoitar

O Concello pagou aos provedores facturas por valor de 29,7 millóns de euros en só 8 días no primeiro trimestre de 2022

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, deu conta no Pleno municipal do informe de Tesourería sobre o cumprimento dos prazos de pagamento das obrigas e o período medio de pagamento a provedores no primeiro trimestre deste ano 2022, no que se aboaron 1.372 facturas.

mércores, 27 abr 2022
O edil de Facenda, Jaime Aneiros
O edil de Facenda, Jaime Aneiros

Segundo os datos expostos polo edil de Facenda, Vigo sitúase por enriba das cidades galegas e doutros municipios españois como Ourense, que paga en 49 días, Santiago en 38,5, A Coruña (21,8) ou Pontevedra (27,2), así como Madrid (36 días) o Valencia (37,5 días). Pola contra, o Concello paga “de xeito áxil e dinámico” permitindo “diminuír as tensións de tesourería das empresas coas que traballamos, das empresas que contratamos”.

Amais, na sesión sesión ordinaria do Pleno do mes de abril, a Corporación tomou coñecemento do estado de execución dos gastos e ingresos do Orzamento municipal correspondente ao primeiro trimestre do ano 2022, así como do movemento de tesourería por operacións orzamentarias e non orzamentarias.

O concelleiro Jaime Aneiros informou da execución neste período, que comprende 58 días hábiles, que foi de 53,5 millóns de euros cos que “continuamos con contratos que garanten os servizos públicos e executamos para atender necesidades sociais”, poñendo como exemplos o cumprimento cos “colexios, coas bolsas de libros e comedor”.

Os grupos da oposición criticaron a baixa execución do orzamento municipal. O concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, lamentou que só acade o 10,49% do previsto “cando levamos unha cuarta parte de 2022”, mentres Rubén Pérez do grupo mixto citou o plan de emprego ou a planificación turística e cultural como proxectos que quedaron sen executar o ano pasado cando “sobraron 100 millóns de euros do orzamento municipal”. Alfonso Marnotes, voceiro dos populares, rexeitou que a execución sexa do 10%, cando tiña que ser do 25%, e que o ano pasado “deixaran o 70% do orzamento de investimentos sen gastar”.

O alcalde tomou a palabra pechando o debate para defender a actuación do goberno municipal que situou a Vigo como “a cidade exemplo a seguir en tódalas cidades de España, co maior volume de investimento de toda España” e censurou que os grupos municipais non recoñezan que é a cidade con máis calidade de Vigo de España, segundo a OCU, a cidade que humanizou centos e centos de rúas mantendo superávit, na que se construíron polideportivos, que recibiu 2,2 millóns de turistas, cidade con proxectos en marcha por valor de 7 millóns de euros e con 93 millóns de euros de investimento en obras que se están executando e todo, sinalou, co apoio da Deputación de Pontevedra, do Goberno de España e de Zona Franca e “sen apoio da Xunta de Galicia”.

Plan anual normativo e de auditorías

No Pleno do mes de abril, o goberno municipal deu conta do cumprimento do Plan Anual Normativo do Concello correspondente ao ano 2021 no que se aprobaron tres ordenanzas: a de Vehículos de mobilidade persoal, a Ordenanza de instalación de terrazas e o Plan estratéxico de subvencións. Carlos López Font, voceiro socialista, cualificou o traballo de “satisfactorio”, coas outras dúas normativas previstas en proceso de resolución, e referiuse ao “grao de aceptación que están conseguindo as ordenanzas que deben ser produto dunha concepción sosegada, escoitando a tódolos colectivos, con ánimo de permanencia no tempo e con textos que busquen o consenso”.

A Corporación municipal tomou coñecemento tamén do informe do Plan Anual de auditorías e control financeiro do Concello correspondente a 2021. O edil de Facenda explicou que entre se cumpriu o control ao cento por cento do orzamento consolidado polo que “seguimos na transparencia no emprego dos fondos públicos” engadindo nese control ás fundacións Marco, Liste e Laxeiro, 42 puntos adicionais de control, as concesionarias e as subvencións de contratos maiores.

 

Descargar todas as imaxes