Escoitar

O Pleno apoia á Plataforma SOS Sanidade Pública nas súas reivindicacións

O Grupo Popular votou en contra da moción socialista. Aprobouse tamén a moción do Grupo Mixto para a conversión da SAREB nun instrumento para garantir o dereito á vivenda e a habilitación do mecanismo de cesión aos concellos.

mércores, 27 abr 2022

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Carlos López Font, defendeu unha moción en apoio á Plataforma SOS Sanidade Pública na súa reivindicación de acabar coa “crise estrutural, con demoras e masificación da asistencia” da sanidade en Galicia.

López Font puxo de manifesto a situación da sanidade, e concretamente da Atención Primaria, polo que instou á Xunta “á implantación de forma inmediata dunha atención nos centros de saúde digna, con profesionais suficientes para atender con tempo aos pacientes; implantar de inmediato unha atención hospitalaria con capacidade para atender ao 100% da cidadanía sen insoportables listas de espera; insta tamén ao goberno galego a adoptas as medidas estruturais precisas para ter unha contratación digna que permita ofrecer unha atención sanitaria de calidade; a contratar e acabar coa precariedade laboral do persoal; e desenvolver os instrumentos de participación cidadá na sanidade.

O Grupo Mixto e o edil non adscrito sumáronse a moción do PSdeG-PSOE. O PP votou en contra.

Por outra banda, aprobouse a moción do Grupo Mixto para a conversión da SAREB nun instrumento para garantir o dereito á vivenda e a habilitación de mecanismos de cesión aos concellos.

Os socialistas e o edil non adscrito sumáronse co seu voto favorable á modificación da SAREB para converter a sociedade nunha ferramenta pública e garantir o dereito á vivenda con duración indefinida; instar ao goberno do Estado a elaborar un censo dos activos que ten en propiedade, ou habilitar mecanismos legais que posibiliten a suspensión de forma indefinida dos procedementos de desafiuzamento con obxecto de que os servizos sociais poidan ofrecer solucións ás persoas que habiten vivendas propiedade da SAREB e que se atopen en situación económica sen alternativa habitacional, e outras cuestións. co fin de dar traslado ao Goberno de España, á Xunta de Galicia e a FEMP.

Descargar todas as imaxes