Escoitar

Abel Caballero respalda as demandas de Stellantis Vigo para o PERTE do automóbil

O alcalde fixou este martes a súa posición ao respecto deste Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica. “Stellantis Vigo ten todo o meu apoio para a súa proposta do vehículo eléctrico e conectado no PERTE correspondente”, afirmou Caballero, quen ve “imprescindible” a incorporación das reclamacións da factoría de Balaídos.

martes, 26 abr 2022
Abel Caballero, este martes na sala de prensa da Alcaldía.
Abel Caballero, este martes na sala de prensa da Alcaldía.

En rolda de prensa, o primeiro edil vigués manifestou que Stellantis “ten razón” na súa reivindicación ao respecto do PERTE do automóbil aprobado polo Goberno de España e considerou “axeitada e consecuente” a súa proposta de “utilización de edificios a efectos de cómputo, nos apoios de I+D, nos tempos de apoio para as plantas de coches e para o modelo que están propoñendo”.

“É imprescindible que o PERTE contemple a Stellantis vigo con toda a súa inmensa capacidade de actuación”, trasladou, “porque diso dependen miles e miles de empregos, a riqueza dun territorio e a capacidade exportadora sen igual, porque é unha das grandes industrias exportadoras de España”, argumentou Abel Caballero, en referencia á fábrica viguesa.

Como na demanda para Vigo da sede de coordinación do Instituto Español de Oceanografía ou da rede de moi alta tensión para a factoría de Balaídos, o alcalde asegurou que “non vou arriar na defensa de Vigo” tampouco en cuestións competencia do Goberno de España e “seguirei defendendo a presencia de Stellantis no PERTE con todas súas demandas”.

Descargar todas as imaxes