Escoitar

Os socialistas piden á Xunta que recoñeza a “débeda histórica con Vigo tras 13 anos do goberno de Feijóo”

O Grupo Socialista aprobou co voto en contra do PP e a abstención do Grupo Mixto e o concelleiro non adscrito instar á Xunta de Galicia a recoñecer unha débeda con Vigo de 2.258 millóns. Co mesmo resultado de votación noutra moción presentada polo PSdeG-PSOE, ínstase á consellería de Infraestruturas “transparencia nas accións para atraer viaxeiros e apoio as conexión aéreas ao Aeroporto de Vigo”.

mércores, 27 abr 2022

O PSdeG-PSOE levou unha moción ao pleno no que fixo balance do goberno de Núñez Feijóo durante 13 anos ao fronte do goberno da Xunta de Galicia. Segundo o voceiro, Carlos López Font, a débeda da Xunta coa cidade ascende a 2.258 millóns de euros, “consecuencia das súas actuacións”, dixo.

López Font manifestou que a Xunta “tomou decisións e iniciativas moi prexudiciais para a cidade” e lamentou que “o menosprezo e o trato discriminatorio foron a tónica xeral no período de Feijóo como presidente”.

O voceiro socialista enumerou algúns dos “agravios” como a perda da caixa de aforros, a presentación dunha candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade para obstaculizar ao Concello, a construción dun hospital privado, a falta do apoio ao aeroporto, a negativa ao transvasamento de auga para situacións de emerxencia... entre outras.

Segundo cifrou López Font, de 25.261 millóns que investiu o goberno da Xunta en Galicia, a Vigo só chegaron 500, en lugar dos 2.779 millóns que lle corresponden por poboación (o 11% de Galicia).

O acordo aprobado cos votos do Grupo Socialista insta tamén á Xunta a satisfacer esta débeda coas correspondentes consignacións orzamentarias.

Voos a Vigo

Por outra banda, o edil e Facenda, Jaime Aneiros, recriminou que o sector público autonómico ven realizando distintas actuacións para influír nas rutas e compañías aéreas que actúan en Galicia, “algo que supón ingresos para algunhas compañías aéreas, sexa vía subvención ou sexa vía contrato de servizos ou de publicidade”.

Aneiros defendeu instar á Xunta a que a consellería de Infraestruturas reformule a súa resposta para indicar que entidades do sector público autonómico realizaron actuacións con transferencia, directa ou indirecta, de fondos a compañías aéreas ou a entidades, públicas ou privadas, que realicen accións para atraer viaxeiros. Tamén pediu ao goberno autonómico apoio ás conexións aéreas do Aeroporto de Vigo.

Descargar todas as imaxes