Escoitar

O goberno municipal destina 100.000 euros en dous anos á mellora da accesibilidade en edificios

O Consello da Xerencia de Urbanismo aproba esta semana as Bases reguladoras para a concesión de axudas para a instalación de ascensores, a mellora da accesibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas en edificios para o período 2022-2023.

luns, 11 abr 2022
O rexedor ofrece declaracións no Salón de Plenos do Concello
O rexedor ofrece declaracións no Salón de Plenos do Concello

O alcalde explicou que “tratamos de apoiar ao máximo posible a accesibilidade” xa que na cidade hai aínda “un número importante” de edificios que polo ano da súa construción, na década dos 60 ou dos 70, non teñen ascensor e convértese nun problema dado o avellentamento da poboación. Insistiu no feito de que no pasado, a accesibilidade “non era un valor na edificabilidade e accedíase ás vivendas cun chanzo. Agora hai que resolver eses problemas”, tendo en conta que “hai xente que non sae da casa pola dificultade de subir tres ou catro pisos por escaleiras; unha dificultade insuperable”.

A Xerencia de Urbanismo dará luz verde no Consello deste martes ás bases da convocatoria destas axudas que teñen un importe de 50.000 euros en cada exercicio, tanto en 2022 coma en 2023, para facilitar e apoiar a primeira instalación de ascensores, ramplas, plataformas elevadoras, varandas ou obras que teñan por finalidade salvar os desniveis existentes entre a beirarrúa e o portal ou entre o portal e o ascensor. Serán as comunidades de propietarios ou grupos de propietarios quen deba presentar as solicitudes tras a publicación no BOP da convocatoria.

Abel Caballero sinalou que, amais destas axudas a ascensores, Vigo conta coas Áreas de Rehabilitación Integral de Beiramar, Espiñeiro- Teis, San Pablo, San Roque, Casco Vello, Bouzas, Coia e Santa Clara. O Ministerio achega 1.630.000 euros que completa o goberno municipal con fondos propios.

Adicionalmente, tal e como apuntou o rexedor, están abertos os procesos de vivenda social do Goberno de España que dedicará 200 millóns de euros para o Bono Alugueiro Novo. O rexedor remitiu ao teléfono de información municipal 010 a tódalas persoas interesadas en recibir información sobre estas axudas. Amais hai dous grandes programas estatais de apoio á rehabilitación enerxética e vivenda social dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia “aos que Vigo quere optar”, dixo. Son o Programa de construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes, dotado con 1.000 millóns de euros e o Programa de rehabilitación para a recuperación económica e social en contornas residenciais” cun importe de 3.420 millóns de euros.

Segundo expuxo, Galicia recibiu 67 millóns de euros en 2021 e recibirá 81 millóns en 2022 “todos provenientes do Goberno de España a través dos fondos Next Generation EU para vivenda. Vigo ten que ser un destino primordial deses recursos que non son da Xunta, son de España e estamos moi vixilantes e imos estalo”.

Descargar todas as imaxes