O TSXG desacolle un recurso contra a modificación puntual do Plan parcial de Navia
O alto tribunal galego desestimou o recurso contra a aprobación definitiva da segunda modificación do Plan Parcial de Navia que presentaron uns particulares que pretendían excluír unha parcela deste ámbito. A sentenza recolle que a clasificación urbanística da parcela estableceuse xa no Plan Xeral do 93 e non na modificación puntual do Plan e, por tanto, desacolle a pretensión dos demandantes.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de desestimar un recurso contencioso administrativo contra a aprobación definitiva da segunda modificación do Plan Parcial de Navia. Os demandantes pretendían ser excluidos deste ámbito e que se considerase a súa propiedade como solo urbano consolidado e non urbanizable. Segundo detallou o rexedor, o TSXG deulle a razón ao Concello quen alegou que a clasificación do solo se levou a cabo no plan xeral de 1993 e foi desenvolvido co Plan Parcial en 1996, non polos efectos do proceso urbanizador desenvolvido co plan parcial de Navia. Por tanto, o Tribunal non acepta o contido da proba pericial dos demandantes en canto á natureza do solo.
Tamén sinala o Tribunal, conforme ao defendido polo Concello, que non sería lóxico, nin acorde á legalidade e á igualdade, excluír do Plan Parcial unha propiedade do solo como urbana rodeada de urbanizable por todas partes, e que aínda que se anulara a modificación puntual impugnada o solo seguiría sendo urbanizable. Formalmente, só cabe recurso de casación.
Panificadora
O alcalde instou de novo a PP e ao BNG a explicar os motivos polos que lle deron “aos especuladores” da Panificadora unha enorme capacidade de construción -catro bloques de oitor alturas - . Logo de esixirlles explicacións sobre a concesión dunha edificabilidade que só se pode cualificar de “pelotazo”, insistiu en que estes grupos políticos “teñen que pedir perdón á cidade”. En todo caso, avanzou, desde o goberno local vaise a seguir a defender o interese xeral de Vigo, mantendo a Panificadora no seu modelo orixinal para convertela nun espazo público, tal e como prantexa no proxecto compartido coa Zona Franca.