O alcalde valora “o gran avance” que supoñerá a nova rúa entre García Barbón e Isaac Peral
O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobará a vindeira semana a proposta de convenio patrimonial entre ADIF e Concello de Vigo para a adquisición de chan destinado a vieiro público en Serafín Avendaño que permitirá abrir unha nova vía ata o nó de Isaac Peral.
Tal e como explicou Abel Caballero en rolda de prensa, con esta cesión “resolveremos un problema enquistado na cidade de Vigo e resolverémolo de acordo con ADIF, a quen agradezo moito o nivel de diálogo que temos” e que permite un “gran avance” coma este.
En virtude deste convenio, o Concello adquire unha parcela en Serafín Avendaño de 540 metros cadrados de superficie e un valor de 253.520 euros, que permuta con ADIF por unha parcela municipal de 534 metros cadrados situada na rúa Aragón, cun valor de 251.200 euros. “Trátase dun intercambio de dúas parcelas de valor similar, nós quedamos coa parcela detrás de Unión Cervecera e dámoslles unha parcela edificable na rúa Aragón”, explicou Caballero.
Ademais desta permuta, o convenio establece a cesión anticipada de uso provisional e gratuíta doutras dúas fincas: unha parcela situada na rúa Canadelo Baixo, cunha superficie de 2.143 metros cadrados, sobre a que se abrirá unha vía de 16 metros de ancho que unirá Canadelo Baixo con García Barbón utilizando a traza do antigo ferrocarril de baixada ao Porto de Vigo; a segunda finca, situada en Callao de 780 metros cadrados, precísaa o Concello para mellorar o acceso viario ás Oficinas da dirección provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social.
Con estas novas parcelas, o goberno municipal conectará o desenvolvemento entre Callao e Serafín Avendaño a través da nova rúa de 16 metros de ancho, constituíndo unha alternativa de circulación paralela a García Barbón para chegar ata Isacc Peral. O prazo estimado para a firma do convenio é de 2 meses.