O Concello pagará a suba do billete de Vitrasa aos usuarios da PassVigo
A Xunta de Goberno aprobou a revisión de tarifas do transporte de autobús urbano para 2022, que sube 5 céntimos. O Concello pagará a suba do billete aos usuarios da PassVigo.
O Concello remitirá á Comisión Superior de Precios de Galicia a aprobación pola Xunta de Goberno da revisión de tarifas do transporte de autobús urbano para 2022. O acordo estimado subirá 5 céntimos o prezo do billete, que non afectará aos usuarios coa tarxeta PassVigo. Deste xeito, pasa de 1,35 a 1,40 euros.
Abel Caballero confirmou en rolda de prensa que a suba do Vitrasa será asumida polo Concello. Deste xeito, a cidadanía manterá os prezos vixentes ata agora. O billete ordinario para os usuarios da PassVigo será de 89 céntimos; para os estudantes 86 céntimos; seguirá a ser de balde para os pensionistas I e II; 67 céntimos para os universitarios; 69 céntimos o billete social; e de balde para as persoas en cadeira de rodas e os acompañantes. O Concello subvenciona o resto ata chegar aos 1,40 euros establecidos.
Bombeiros e subvencións
O alcalde deu conta ademais doutros asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local celebrada este xoves, como a apertura do proceso de contratación pública do servizo de mantemento dos compresores, ramplas de carga, equipos autónomos de respiración e botellas de aire para os parques de Bombeiros de Vigo.
Ao efecto, o Concello reserva 153.000 euros para un contrato para cinco anos, a razón duns 30.000 euros anuais. Co acordo adoptado, o goberno de Vigo valida os pregos de condicións que rexen a adxudicación e abre o proceso de licitación pública.
En segundo lugar, o goberno que preside Abel Caballero deu luz verde á concesión de dúas subvencións de carácter cultural, por un lado 13.500 euros para a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, entidade que leva adiante o programa “Vente con nós”, un circuíto de actuacións por barrios e parroquias nas que participan vinte sete grupos de música, danza e canto tradicionais galegos.
A segunda achega municipal ascende a 9.000 euros e ten como beneficiaria a Asociación Galega de Instrumentos de Corda. O Concello coopera así coa celebración do X Concurso de Corda “Cidade de Vigo”, celebrado entre o 3 e o 6 de decembro do pasado ano no Conservatorio Superior de Música de Vigo con participación de intérpretes de Madrid, Sevilla, Málaga, Tarragona, Gipuzkoa e tamén de Portugal, segundo comunicou o alcalde.