O alcalde felicita á comunidade educativa do Saladino Cortizo polo seu labor no centro
Abel Caballero visitou este mércores as instalacións do Centro de Educación Especial onde o Concello vén de instalar un columpio adaptado para que as nenas e nenos en cadeira de rodas poidan gozar do tempo de xogo na zona exterior do colexio.

Tal e como explicou o alcalde en rolda de prensa, o goberno municipal instalou un columpio adaptado para nenas e nenos con diversidade funcional, por un importe de 5.500 euros, para que poidan subir con cadeira de rodas e gozar deste elemento de xogo.
O alcalde trasladoulle á comunidade educativa do Saladino Cortizo a súa felicitación polos seus 50 anos de actividade e “polo traballo especial, tanto profesional e técnico, como na dimensión humana” e deulles os parabéns ao profesorado e alumnado “polo coidado ao centro e o elevadísimo nivel de atención aos nenos e nenas”.
Abel Caballero foi entrevistado polos alumnos, visitou a horta do centro, o taller de madeira e de peiteado e escoitou as “necesidades adicionais” do centro, apuntando que “todo o que facemos alí é competencia e obriga da Xunta de Galivia que nin está nin se lle espera nesta cidade para atendela”.



