Escoitar

O rexedor suliña que “Vigo como cidade do deporte é o noso principal reto” na presentación da Gala do Deporte

A XXIII Gala do Deporte de Vigo e a súa Comarca está en marcha, segundo anunciou hoxe o alcalde, Abel Caballero. Terá lugar o vindeiro día 21 no Centro Cultural Afundación, o seu lugar habitual antes da pandemia -xa sen limitación de asistencia-, e comeza este xoves 6 co encontro do rexedor coas empresas máis vencelladas ao deporte de elite e formativo de Vigo e a súa área de influencia.

mércores, 6 abr 2022

A gala comezará ás 20:30 horas do xoves 21 de abril. “Será xa dentro da nova normalidade”, incidiu Caballero, que lembrou que en 2020 (Castrelos) e 2021 (Navia) a situación obrigou a facela “cunha intensidade de nivel medio”, pero agora “volve ao seu formato orixinal”, dixo.

Acompañado polo edil de Deportes, Manel Fernández, o representante de Abanca (José Luis Romero) e a representación de Faro de Vigo (Luis González, Sonia G. Lomba e Juan Carlos Recondo), o alcalde explicou que haberá catro grandes premios, os absolutos masculino e feminino e os promesa (con 43 candidaturas), tamén para rapaz e rapaza sub-19 (32 candidaturas), ademais do premio Luis Miró, por segundo ano consecutivo, á traxectoria (e que tamén é segredo). Volven as mencións especiais, este ano moi repartidas: catro para persoas físicas (o nadador Juan Ferrón, o adestrador de baloncesto Miguel Méndez, o organizador de eventos náuticos Manuel Seone e Alejandro Costas, presidente da Agrupación Deportiva Vigo, que organiza as populares competicións recreativas  de Vigo en Xogo), dúas para empresas (Grupo CdeC e Iberconsa) e catro para entidades deportivas (IES Coruxo Fútbol Sala, Club Deportivo Bosco, Sárdoma CF e Club Castrelos Patinaxe Artística) “polos seus méritos no 2021”.

Ademais, este ano haberá un recoñecemento especial aos e ás olímpicas e paralímpicas que competiron nos Xogos de Toquio.

“Hai un nivel importante de nomes nesta gala”, suliñou o alcalde. “Nove medallistas da meirande relevancia, campións de España promesa... Vigo é unha cidade na que o deporte ten unha dimensión moi especial e por iso Vigo como cidade do deporte ten que ser o noso principal reto”, dixo Caballero.

 

Descargar todas as imaxes