O alcalde aplaude o regreso á normalidade do congreso VICON de ciberseguridade
Abel Caballero participou este venres na apertura da cita, dous días nos que as principais voces do sector ofrecerán os seus coñecementos e experiencias aos asistentes. Tras a irrupción da pandemia, este ano o evento retoma o formato presencial, no Círculo de Empresarios de Galicia.
Na súa intervención, Abel Caballero puxo en valor que o Congreso VICON regrese ao modelo habitual e sexa un lugar de encontro para empresas e profesionais do sector da ciberseguridade, que presenta unha rápida evolución e crecemento. O alcalde felicitou aos organizadores, ao público e entidades participantes e tamén aos patrocinadores.
Este congreso é herdeiro do Hack&Beers, charlas iniciadas no 2017 para falar de seguridade informática dunha forma distendida. Este modelo de networking, que pretendía dar visibilidade aos profesionais e empresas especializadas na materia, foi gañando popularidade e asistencia polo que a organización conformouse en entidade sen ánimo de lucro e montou o VICON co obxecto de aprender e compartir experiencias con expertos procedentes de toda a península.