O alcalde sinala que case o 50% das axudas á rehabilitación proceden do Goberno de España
Abel Caballero deu conta esta mañá do reparto do financiamento do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 no que o Goberno de España achega o 43,47% do montante total, que ascende a 3,7 millóns. Na súa intervención, criticou á Xunta por anunciar unha inversión de 4 millóns para rehabilitación de vivendas en Vigo cando o certo é que só achega 426.000 euros.
O alcalde valorou esta mañá o montante que o Goberno de España adica á rehabilitación de vivendas na cidade, unha cifra que alcanza 1.650.000 euros, o 43,47% dos 3.795.8564 do total do programa. Segundo os convenios asinados dentro do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, os particulares achegan 1.246.000 euros, o 32,8%; o Concello, 473.214 euros, o 12,4% e a Xunta, 426.420 euros, un 11,23%. En declaracións aos medios de comunicación, Caballero constatou que o Goberno autonómico é a administración que menos achega a esta iniciativa a pesar de “presumir” e presentar publicamente unha inversión de 4 millóns, tal e como fixo en Vigo o pasado luns a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que anunciou axudas económicas autonómicas de 4 millóns, sen aclarar que os fondos procedían maioritariamente do Goberno de España.
Ata o 2 de maio está aberto o prazo de presentación de solicitudes de achegas á rehabilitación de edificios e vivendas nas seguintes áreas: Beiramar, Espiñeiro-Teis, San Pablo, San Roque, Casco Vello, Bouzas, Coia e Santa Clara. Toda a información está dispoñible na páxina web e no portal de transparencia do Concello https://sede.vigo.org/expedientes/avisos/?lang=gal