A Corporación aproba por unanimidade a concesión dos Vigueses Distinguidos 2022
O Pleno Extraordinario celebrado este mércores deu luz verde á concesión da Medalla da Cidade a Isabel Pardo de Vera, secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana cos votos favorables dos socialistas e o rexeitamento do resto de grupos municipais.
O alcalde censurou que “os que se opuxeron e nos deixaron sen AVE: BNG, Marea de Vigo e o Partido Popular agora opóñense a darlle a medalla a quen nos trouxo o AVE, a quen se está encargando cos estudos de que teñamos AVE”. Explicou Caballero que o proxecto de chegada a Vigo do tren de alta velocidade foi parado polo Partido Popular “coa complicidade do alcalde do BNG Pérez Castrillo”, logo recuperouno o goberno de Zapatero pero “volve paralo Rajoy coa ministra Ana Pastor e a complicidade absoluta do PP de Vigo que enmudeceu e nunca xamais defendeu o AVE na cidade”, que considera “importantísimo” e que, neste momento, “ten luz verde. “Non queren que recoñezamos os méritos da xente que traballa a favor do AVE”, recalcou.
Alfonso Marnotes, voceiro do PP, criticou que o recoñecemento se outorgue sen consenso a Pardo de Vera que “non ten méritos suficientes” para recibila. Rubén Pérez Correa, voceiro do grupo mixto expuxo a imposibilidade de que esta proposta xere consenso porque se dá “a un cargo político e por oportunismo”. Xabier Pérez Igrexas, concelleiro non adscrito, rexeita o “puro partidismo” que supón a concesión da Medalla da Cidade este ano.
Na sesión deste mércores, o Pleno aprobou por unanimidade o nomeamento de Viguesas e Vigueses Distinguidos 2022 coas distincións que seguen:
- Antón Costas Comesaña, presidente do Consello Económico e Social de España
- Begoña Vila, astrofísica
- Domingo Villar, escritor
- Escola Oficial de Idiomas de Vigo
- Alfonso Penela, arquitecto
- Unión Deportiva Santa Mariña de Cabral
- Asociación Mutualista de Residentes de Vigo en Bos Aires, na Arxentina
- Ex Aequo aos colexios de Vigo que cumpren 50 anos na cidade: Colexio Plurilingüe Don Bosco Salesianas Vigo, CEIP Ría de Vigo, CEIP San Salvador de Teis e CEIP Eduardo Pondal
- Ex aequo ás asociacións: Centro Cultural e Veciñal de Valladares e á Asociación Cultural e Deportiva Xestas de Bembrive
- Ex aequo aos catro centros de Formación Profesional que superan os cincuenta anos de actividade na cidade: o Colexio Vivas (87 anos), o Colexio Hogar Afundación (74 anos), o Colexio Marcote Aceimar (59 anos) e a Politécnica Marítima Pesqueira do Atlántico (57 anos)
- Ex aequo in memoriam: Carlos Alonso, Pepe Xeito (José García López) e Vicente Rodríguez Abeijón
O acto de entrega dos galardóns celébrase este mércores, ás 20 horas, no Teatro García Barbón, coa lectura do pregón da man de Marta Skyba, a responsable en Vigo da Asociación Galega de Axuda a Ucraína.