Escoitar

O Concello colga unha “gran pancarta” polo Día de Rosalía, que en Vigo se celebra “durante 365 días ao ano”

Na fronte da Casa Consistorial viguesa loce desde este luns un cartel para conmemorar o Día de Rosalía, este mércores, 23 de febreiro. Abel Caballero enxalzou que na cidade a autora “ten vida entre a xente durante 365 días ao ano” e citou as rutas literarias e as xornadas con escolares que se están a desenvolver este mes.

luns, 21 feb 2022
O cartel foi instalado na mañá deste luns.
O cartel foi instalado na mañá deste luns.

“En Vigo somos moi ‘rosalianos’ e queremos celebrar o Día de Rosalía”, explicou este luns o alcalde en rolda de prensa, logo de informar da instalación dunha “gran pancarta” no exterior do edificio municipal. “Pero o certo”, continuou Caballero, “é que Rosalía en Vigo ten vida entre a xente durante 365 días ao ano”.

Así, o primeiro edil citou o percorrido literario guiado organizado este pasado sábado polo Vigo de Rosalía de Castro, con paradas polos espazos que frecuentaba na zona vella da cidade ou na sede da antiga imprenta Juan Compañel, na rúa Real, onde se editou Cantares Gallegos. O evento encheu as cincuenta prazas gratuítas dispoñibles, polo que se programarán máis paseos literarios nos próximos quince días.

Por outra banda, ao longo de todo este mes, o goberno de Vigo está a celebrar xornadas con escolares en torno á vida e obra de Rosalía de Castro. Teñen lugar no Verbum nas tardes dos xoves, con contacontos, teatro, audiovisuais e xogos de mesa, entre outras actividades.

O alcalde recordou que tamén se editou un disco, titulado “Musicando a Rosalía”, no que artistas de Vigo puxeron música ás letras e á poesía da autora. Ademais, durante todo o ano se programan recitais en ata trinta e dous idiomas, incluíndo lingua de signos, coa participación de estudantes do programa Erasmus na cidade.

De cara ao futuro, Caballero desvelou algunhas liñas nas que traballa o seu goberno, como a celebración de contacontos para nenos e conversas coa xente maior sobre a figura de Rosalía, xunto a dúas obras de teatro que recalarán en Vigo: “Rosalía” e “Libre coma os paxaros”.

Descargar todas as imaxes