Escoitar

Abel Caballero agradece a “sensibilidade” de España e Canadá, que retomará a procura dos desaparecidos do Villa de Pitanxo

O alcalde solicitouno este xoves ao ministro de Pesca e ao titular de Exteriores, quen hoxe venres confirmou que Canadá continuará coa procura dos mariñeiros tan pronto as condicións meteorolóxicas o permitan. “Quero agradecer a sensibilidade do Goberno de España e quero agradecer a Canadá a decisión”, manifestou: “As familias dos desaparecidos merecen que se siga a procura”.

venres, 18 feb 2022
Imaxe deste xoves do alcalde, a concelleira de Benestar Social e as familias dalgúns dos tripulantes do Villa de Pitanxo.
Imaxe deste xoves do alcalde, a concelleira de Benestar Social e as familias dalgúns dos tripulantes do Villa de Pitanxo.

O alcalde reuniuse na mañá deste xoves en Vigo co titular de Pesca, Luis Planas, e pola tarde entrou en contacto co seu homólogo de Exteriores, José Manuel Albares. A ambos solicitoulles que o Goberno de España mediase ante o goberno canadiense para que retomase os traballos de procura dos mariñeiros desaparecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo en augas de Terranova.

Trátase dunha “petición unánime dos familiares e tamén da sociedade galega”, explicou Abel Caballero en declaracións aos medios na mañá deste venres no Concello de Vigo. Albares trasladara o xoves ao alcalde que contactaría coa ministra de Asuntos Exteriores de Canada, Mélanie Joly, para solicitalo e este venres pola mañá vén de confirmar públicamente a decisión do país norteamericano de continuar cos traballos de procura dos tripulantes cando as condicións climatolóxicas o permitan.

“Quero agradecer a sensibilidade do Goberno de España, e do ministro de Asuntos Exteriores de forma singular, e quero agradecer a Canadá a decisión", xa que “as familias dos desaparecidos merecen que se siga a procura”, valorou Caballero. “Nós seguiremos atendendo ás familias das vítimas”, recordou o alcalde, aludindo ao centro de atención aberto polo Concello de Vigo.

Descargar todas as imaxes