Escoitar

O Concello abre un centro de atención ás familias das vítimas do naufraxio do “Villa de Pitanxo”

O alcalde informou este xoves da posta en marcha deste dispositivo que ofrecerá “axuda profesional, psicolóxica e eventualmente económica” con servizo de atención as 24 horas do día, tamén para as familias de Cangas e de Moaña.

xoves, 17 feb 2022
O alcalde durante o encontro coas familias dalgunhas das vítimas do naufraxio
O alcalde durante o encontro coas familias dalgunhas das vítimas do naufraxio

“Son seis persoas de Vigo e iso é un drama na cidade”, lamentou o rexedor, tras o encontro que mantivo con familiares dalgunhas das vítimas do naufraxio do buque “Villa de Pitanxo” a quen lles trasladou “o noso pésame, condolencias e apoio, cariño e acompañamento afectivo neste proceso”.

O goberno municipal iniciou onte os contactos coas familias viguesas das vítimas (6 dos tripulantes son de Vigo: 5 desaparecidos e un falecido): Edwin Andrés Córdova, Miguel Lumes, Martín Quino e Ricardo Alfonso Cruz e está tratando de localizar á familia de Juan Martín Frías, mentres que William Arévalo non ten familia na cidade e téntase contactar coa súa familia en Perú.

O alcalde informounos do establecemento dun servizo de atención ás familias para ofrecerlles  “axuda profesional, psicolóxica e eventualmente económica”, cun dispositivo que funciona as 24 horas do día no que “sempre terán unha persoa de referencia para calquera momento que o poidan precisar”. Este centro estará tamén ao dispor dos familiares de desaparecidos dos concellos de Cangas e Moaña e “falarei coas alcaldesas para transmitirllo”, sinalou Caballero.

Amais, o Concello está en contacto coa embaixada e o consulado de Perú en España e Abel Caballero reuniuse este xoves con Julio Ubillus Boada, conselleiro na área de Asuntos Políticos da Embaixada de Perú en España e con Joe Torres Pajuelo, cónsul adscrito do Perú en Barcelona para coordinar as actuacións precisas ante este suceso.

En rolda de prensa, o alcalde trasladoulle a “un país amigo como é Canadá” que retomen a busca dos desaparecidos porque, aínda que as posibilidades de localizar sobreviventes sexan nulas, “as familias e a cidadanía en xeral queremos que se recuperen os corpos”, e así dixo que ía propoñerllo ao Ministro de Agricultura, Luis Planas, no encontro que manterán este mediodía durante a súa visita a Vigo e no que poñerán “en común as accións do Goberno de España e do Concello”.

 

O alcalde durante o encontro coas familias dalgunhas das vítimas do naufraxio
Descargar todas as imaxes