Escoitar

Vigo aproba o programa municipal de coordinación e seguimento dos fondos europeos

A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao establecemento do comité técnico que levará adiante a tramitación e execución de tódolos fondos, dos que o Concello leva solicitado xa 27,5 millóns de euros.

xoves, 17 feb 2022
Abel Caballero en rolda de prensa
Abel Caballero en rolda de prensa

O programa municipal de coordinación, planificación, seguimento e avaliación dos proxectos financiados cos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU viu aprobado hoxe o comité técnico para levar adiante a tramitación e execución dos fondos: son 8 persoas, 1 responsable do proceso, un comité de autoavaliación conformado por 3 persoas e un comité de xestión de 16 persoas.

Os comités están conformados na súa totalidade por persoal municipal “que se vai dedicar de forma intensa ás axudas europeas”, apuntou Caballero, que lembrou que Vigo xa leva solicitados 27,5 millóns de euros de investimento dos fondos de recuperación da Unión Europea, aos que “queremos darlle todo o apoio técnico e de seguimento”. Amais, avanzou que “optamos a tódalas áreas porque cremos que temos méritos para ser adxudicatarios en tódalas áreas de fondos europeos”.

Así, no ámbito da implantación de zonas de baixa emisión e a transformación dixital e sostible do transporte urbano, o Concello ten solicitados máis de 22 millóns de euros; está traballando na presentación dos Plans de Turismo Sostible en Destinos para entidades locais; en Axudas de apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización recibiu 672.000 euros. No tocante ás axudas para o reforzo da actividade comercial en zonas turísticas, Vigo recibiu 370.000 euros, 250.000 euros en axudas para a elaboración de proxectos piloto dos plans de acción local da Axenda Urbana Española e opta a axudas para impulsar accións dirixidas á renaturalización e resiliencia das cidades españolas cun proxecto de 4 millóns de euros para a praia de Samil. No caso das subvencións para a transformación dixital e a modernización das Administracións das Entidades Locais xa recibiu 1 millón de euros e espera a apertura da convocatoria para concorrer ao Plan de rehabilitación de edificios de titularidade pública.

Convenio coa Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén o proxecto de convenio coa Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos no marco do fomento do emprego para a potenciación do acompañamento e apoio ás vítimas de violencia de xénero por un importe de  50.000 euros. En virtude do convenio, co obxectivo de loitar contra a discriminación e reinserción deste colectivo desfavorable, poderá contratarse a catro profesionais para a realización de actividades de fomento, orientación e formación en igualdade, a concienciación social e para mellorar a súa empregabilidade: 1 licenciada en dereito, 1 administrativa, 1 diplomada en Traballo Social e 1 licenciada en Psicoloxía.

O alcalde deu conta da dedicación municipal á loita contra a violencia machista: un cuarto de millón de euros ao Centro de emerxencia para mulleres vítimas de violencia de xénero e axudas directas, atención domiciliaria á infancia, programas da Rede veciñal contra os malos tratos, campañas contra a violencia de xénero, a Sección EVAP da Policía Local, composta por 16 axentes e conta con pisos de acollida para as vítimas e as súas familias.

 

Descargar todas as imaxes