O Concello celebra o Día das Zonas Húmidas co alumnado do CEIP Balaídos
O alcalde puxo en valor o traballo desenvolvido na Bouza, en Barreiro e en Muíños para repoñer os espazos coa súa flora e fauna e a recuperación da Xunqueira do Lagares.
O paseo do Lagares ao carón do CEIP Balaídos foi o espazo elixido para conmemorar este 2 de febreiro o Día das Zonas Húmidas, que a UNESCO convoca baixo o lema “Actuar polas zonas húmidas é actuar pola humanidade e a natureza”.
Abel Caballero saudou ao alumnado de 5º e 6º de Primaria do centro educativo que participaban nas actividades organizadas polo Concello para sensibilizalos sobre os valores ambientais das zonas húmidas e a súa importancia para preservar a súa biodiversidade.
O rexedor salientou a “extraordinaria recuperación do río Lagares, que tiña case un vertido ao día cando cheguei” á alcaldía de Vigo mentres, agora, “case non hai” grazas ao traballo realizado co que se puideron recuperar a flora e a fauna autóctonas, citando as troitas, anguías, reñosa, muxo ou a solla. Mencionou tamén a loita contra a fauna invasora como a tartaruga de Florida ou o visón americano.
Amais, destacou Caballero, as zonas húmidas de augas doces de Vigo: A Bouza (Coia), Muíños (Comesaña) e Barreiro, que están en zona pública e en cuxa recuperación traballou o goberno municipal ao longo dos últimos anos. A cidade conta tamén coas zonas húmidas do Vao, Fontes- Pertegueiras e Goberna en Navia. En canto a augas salobres destaca a zona húmida da Xunqueira do Lagares “que recuperamos enteiramente retranqueando a depuradora e deixando un espazo natural magnífico con toda a súa diversidade”.