Escoitar

O alcalde pide o pronunciamento dos empresarios sobre a “oposición” de Feijóo á autovía Vigo-Porriño en túnel

“Non os escoito e quero escoitalos”, dixo este mércores Abel Caballero: “Quero saber que opinan de que o presidente da Xunta non queira que se constrúa unha autovía Vigo-Porriño en túnel pagada polo Goberno de España”. O rexedor anunciou o envío de escritos á federación de transportistas, á CEP, á Cámara de Comercio e ao Círculo de Empresarios.

mércores, 2 feb 2022
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa.
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa.

Trátase “dunha das grandes obras desta cidade” á que Feijóo “oponse frontalmente” e “así llo dixo á ministra de Transportes”, indicou Caballero, na reunión mantida entre ambos en Santiago o pasado 21 de xaneiro.

“Feijóo é o único e primeiro presidente autonómico en toda España que se opón a unha obra desta envergadura na súa Comunidade Autónoma. É inverosímil”, valorou o alcalde este mércores. Caballero demandou ao presidente autonómico unha rectificación pública: “Ten que desculparse ante os cidadáns de Vigo e debería apoiar publicamente ao Goberno de España no seu compromiso firme que vai levar adiante”.

O alcalde engadiu que a “actual vía de alta capacidade” que une Vigo e O Porriño, con límites de velocidade de oitenta e sesenta quilómetros por hora, “é unha calamidade e un desastre”, e defendeu liberar de peaxe a AP9 entre ambas localidades mentres que non se constrúa a nova autovía. Caballero considerou transitorio o levantamento do pago na AP9, namentres que Feijóo propuxo á ministra esta alternativa como argumento para descartar a nova autovía en túnel, o que obrigaría a “dar un rodeo de vinte quilómetros”, en verbas do rexedor vigués.

Caballero anunciou que porá en coñecemento das entidades empresariais a posición do presidente autonómico sobre esta infraestrutura viaria. Referiuse en particular á federación provincial de transportistas, á Cámara de Comercio, á Confederación de Empresarios de Pontevedra e ao Círculo de Empresarios. “Feijóo oponse á autovía. Considéroo gravísimo para esta cidade e me teñen á súa disposición para explicalo en detalle, se non o coñecen”, manifestou Caballero, quen denunciou un intento do presidente da Xunta de Galicia de manter “illada” a cidade de Vigo.

Descargar todas as imaxes