Escoitar

Caballero data para febreiro a aprobación do proxecto construtivo do ascensor HALO

O goberno de Vigo agarda polos informes sectoriais de ADIF e do Ministerio de Transportes para validalo. A previsión do Concello, trasladada este martes polo alcalde, é ratificalo e iniciar a licitación este mesmo mes de febreiro. O elevador conectará García Barbón con Vía Norte: “Imos facer un dos grandes ascensores que hai en ningunha cidade de España”, asegurou Caballero.

martes, 1 feb 2022
Infografía do proxecto HALO.
Infografía do proxecto HALO.

En rolda de prensa, Caballero informou desta “boa nova”, un proxecto construtivo “redactado e listo para a súa aprobación”, tan só pendente de obter as autorizacións sectoriais de ADIF e do Miniterio de Transportes. A este respecto, o alcalde adiantou que, “polas conversas que estamos levando, van as dúas moi avanzadas”.

“Queremos aprobar o proxecto e iniciar a licitación este mesmo mes de febreiro”, manifestou Caballero: “Temos os recursos e o proxecto. Imos facer un dos grandes ascensores que hai en ningunha cidade de España”. O HALO, proposta arquitectónica gañadora dun concurso de ideas lanzado polo Concello de Vigo e deseño vencedor nos LOOP Design Awards, pretende unir a zona de García Barbón coa Vía Norte, sobrevoando a autoestrada. Partirá de Serafín Avendaño, detrás das torres do Club Financeiro e xunto ao CEIP García Barbón, e desembocará na nova praza de Vía Norte e teito da estación de Vialia. O orzamento previsto se eleva aos 7,21 millóns de euros.

O alcalde puxo o énfase en que tanto esta como o resto de accións de transformación da cidade continuarán en paralelo. “É un proxecto extraordinario e ao tempo seguiremos con todos os demais, porque nesta cidade, desde que eu son alcalde, xa non se para nada, todos os proxectos se fan. Todo aquilo que convén á cidade faise”, asegurou: “Había tempos en que se manifestaban tres e se paraban as obras! Non, non, agora non. Agora prima o interese da cidade. Sempre por diante o interese de Vigo, o interese de toda a cidade”.

Descargar todas as imaxes