Escoitar

Os socios europeos de Compás reuníronse en Vigo para intercambiar experiencias no eido do emprego

O concelleiro Lois Pérez Castrillo presentou no Instituto de Desenvolvemento de Caixanova o terceiro encontro transnacional ProQUALITAS, Proxecto Compás - Agrupación de Desenvolvemento Equal Área Metropolitana de Vigo e no que tamén están a participar os seus socios de Jérez de la Frontera, de Ragusa (Sicilia) e de Porto.

venres, 4 xul 2003
Este encontro ten como principal obxectivo "a transmisión e o intercambio de experiencias e políticas de emprego dentro do ámbito local". O concelleiro de Emprego caracterizou o Proxecto Compás como unha iniciativa novedosa desde o principio no marco da xeración de emprego e da empregabilidade, tanto na área metropolitana de Vigo como en Galicia.

"A novidade radica no xeito de participación dos axentes económicos e sociais na tanto na discusión do proxecto como na execución do mesmo,creando así un auténtico pacto económico, social e institucional a prol do emprego na área metropolitana de Vigo ", afirmou Castrillo, e insistiu que este pacto se concreta nun ente que se chama Asociación de Desenvolvemento que é o órgano rector e, ao mesmo tempo, co-financiador do proxecto.

As organizacións sindicais UGT, CCOO a CIG, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia, tódolos concellos da área metropolitana de Vigo, a Confederación de Empresarios e a entidade financieira Caixanova conforman esta mesa polo emprego, esta Asociación de Desenvolvemento que constitúe un proxecto de pacto territorial polo emprego onde axentes privados no mundo da economía, organizacións sindicais e empresariais, institucionais autonómicas, provinciais e locais no marco da xeración de emprego se unen, cofinancian e executan un proxecto que esta cofinanciado nun 75% pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo do Proxecto Equal.

O Proxecto Compás conta cun orzamento de case tres millóns de euros, distribuidos ó longo de cinco anos, desde o ano 2002 ata o 2007, tempo que dura a totalidade da fase de execución. A súa vez, o proxecto divídise en tres fases. Trala primeira fase de constitución e conformación, nestes momentos estase a desenvolver a fase de posta en marcha dos programas que teñen como obxectivo a axuda á búsqueda de emprego en persoas que, por determinadas circunstancias sociais, atópanse en desigualdade de condicións frente ó resto da poboación para acceder a un posto de traballo.

Para acadar este obxectivo, tanto a formación orientada cara a inserción laboral como a xeración de autoemprego son obxectivos fundamentais.

Igualmente Castrillo recordou na súa intervención que a Unidade Administrativa e Técnica do Fondo Social Europeo encargada de avaliar a execución dos proxectos Equal calificou o Proxecto Compás como un proxecto exemplar, o que quere decir que se están cumprindo os obxectivos marcados e que os fondos europeos están sendo ben xestionados.

En setembro comeza a terceira fase deste ambicioso pacto territorial metropolitano polo emprego que é a fase de consolidación da Agrupación como mesa de traballo e de xeración de emprego na área metropolitana.