Escoitar

A Fundación Laxeiro estrea instalación sonora polo XXV aniversario do falecemento do artista

O alcalde, Abel Caballero, e o concelleiro de Cultura, Abel Losada, achegáronse este venres ata a sede da Fundación, que abriu unha mostra que leva por título RECORDOLETERLORINTOREL, un achegamento á figura de Laxeiro a partir dun texto do autor, pronunciado en 1978 na Galería Torques de Santiago.

venres, 23 xul 2021
A exposición está aberta desde este venres na Fundación Laxeiro, na terceira planta da Casa das Artes
A exposición está aberta desde este venres na Fundación Laxeiro, na terceira planta da Casa das Artes

Con motivo do XXV aniversario do falecemento de Laxeiro, o Colectivo Nova Escultura Galega (NEG) firma unha instalación sonora realizada expresamente para a Fundación Laxeiro e reivindica a faceta máis irreverente e provocadora do artista, unha actitude que definiu a súa relación co sistema da arte durante toda a súa traxectoria. Con esta exposición, a Fundación Laxeiro conmemora o aniversario do falecemento de Laxeiro en Vigo incidindo nunha das constantes da súa figura, como foi a defensa radical da súa independencia como artista e tamén, lembrar ao artista dunha forma que manteña viva a súa memoria, isto é, convidando a artistas do momento para reflexionar sobre a súa figura.

O título da exposición, RECORDOLETERLORINTOREL, fai alusión ao currículo que ideou Laxeiro para a súa exposición na Galería Torques de Santiago de Compostela en 1978, no que con palabras inventadas fai unha crítica sarcástica á configuración do sistema da arte. O Colectivo NEG sérvese desta acción de Laxeiro para chamar a atención sobre a falta de sintonía que con frecuencia dáse entre o mundo da creación artística e o sistema no que se inscribe, unha circunstancia que parece non cambiar moito desde a época de Laxeiro ata a actualidade.

A partir desta idea, NEG propón unha instalación sonora na que as palabras de Laxeiro vanse superpoñendo ata conformar unha peza sonora indescifrable, como indescifrable é tamén o discurso orixinal, formado por palabras inventadas para parodiar os seus méritos como pintor, en forma de currículo absurdo, como absurdo era para el todo o aspecto administrativo que inevitablemente acompaña a traxectoria profesional dos e das artistas, como parte substancial do seu traballo diario para conseguir ser tidos en conta no ámbito da crítica, o comisariado e a historiografía da arte.

Recordoleterlorintorel preséntase así como un berro co que reivindicar o proceso da creación artística en si mesmo, independente do sistema da arte que funciona como mecanismo de lexitimación das prácticas artísticas individuais, alleo moitas veces ás circunstancias nas que cada artista constrúe a súa obra. Con este traballo é inevitable lembrar a actitude coa que o dadaísmo irrompeu nos primeiros anos do século XX e que significou un xerme de inconformismo e actitude crítica que influíu de forma decisiva ao longo de todo o século e que cambiaría definitivamente a forma de entender a función da arte na cultura e na sociedade.

Descargar todas as imaxes