O goberno de Vigo aproba o proxecto do novo parque de Bombeiros en Tomás Alonso
Estará emprazado nunha parcela municipal situada na rúa Esturáns 2, detrás do estaleiro Barreras, e terá unha superficie de case 2.000 m2. Caballero valorou o emprazamento estratéxico e os servizos cos que contará: “Un novo parque para que os bombeiros teñan as instalacións que require o século XXI”
A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves o proxecto básico e de execución do novo parque de Bombeiros e Protección Civil, unha nova dotación que presenta un importe de tres millóns de euros e estará composta de soto, baixo e dúas plantas, segundo informou o alcalde este xoves.
O obxectivo do Concello é dotar ao servizo municipal de extinción das “instalacións que require o século XXI”, coas “comodidades” que precisa o traballo dos bombeiros, como sistemas de megafonía, voz e datos, seguridade e protección contra incendios, entre outras. Abel Caballero valorou singularmente o seu céntrico emprazamento, “cerca de lugares de risco como por exemplo o Porto”, que carece dun parque en terreo portuario -o que considerou unha “grave anomalía”- e está cuberto polos bombeiros do Concello de Vigo.
O de Esturáns substituirá ao parque de Bombeiros de Balaídos, situado nos baixos dun estadio que está a ser remodelado. Provisionalmente os efectivos de extinción están ubicados no entorno da depuradora. Caballero considerou "lamentable" a instalación de Balaídos: "Non o imos tolerar, faremos un novo parque de Bombeiros na cidade".