Vigo, saída e meta da Copa de España e do Campionato de Galicia de ciclismo
O alcalde participou este martes na presentación das carreiras que organiza o Vigo-Rías Baixas na cidade: unha etapa da Copa de España este domingo 16 e o Campionato de Galicia o próximo luns día 17 de maio.
Abel Caballero celebrou que o Club ciclista conseguise celebrar estas carreiras e trasladou o seu “orgullo e satisfacción” porque Vigo as acolla dada a “importancia do ciclismo como deporte e pola presenza na cidade e no conxunto da área metropolitana”.
Na presentación na que participaron o presidente do Vigo-Rías Baixas, José Luis Chamorro, e o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, entre outras autoridades, o rexedor cualificou o ciclismo de “excepcional” e recoñeceu o esforzo conxunto para desenvolver unha carreira destas características, referíndose ao traballo da Garda Civil e das policías locais que son “garantía do bo funcionamento técnico” e puxo en valor o traballo da organización na parte técnica e loxística. Amais, comprometeu o apoio municipal a esta acción para que “se consolide en Vigo”.
A etapa da Copa de España de ciclismo, organizada polo equipo Vigo-Rías Baixas, arranca o domingo con saída e meta no Auditorio Mar de Vigo e pasa polos concellos de Redondela, Gondomar, Nigrán, Mos, Porriño e Tui ao longo de 180 quilómetros de trazado coa participación de tódolos equipos galegos. O luns 17 celébrase o Campionato de Galicia, con idéntico percorrido e coa participación de 130 ciclistas galegos e 10 equipos convidados de fóra da comunidade.