Escoitar

Abel Caballero reclama para Vigo unha achega económica equivalente en poboación á que Santiago recibe por capitalidade

O alcalde informou este martes do envío dunha carta a Feijóo e aos grupos parlamentarios galegos. Santiago percibe da Xunta 2,3 millóns e Caballero solicita o triplo ao contar Vigo con tres veces máis habitantes. “Non digo que non á capital de Santiago, pero a capitalidade non se pode converter nun privilexio para recibir ademais diñeiro que os demais non recibamos”, argumentou.

martes, 11 mai 2021
O alcalde amosou este martes en rolda de prensa o escrito que dirixirá a Feijóo e aos grupos parlamentarios
O alcalde amosou este martes en rolda de prensa o escrito que dirixirá a Feijóo e aos grupos parlamentarios

Trasladada este martes polo alcalde en rolda de prensa, a proposta baséase no peso demográfico vigués e toma como referencia os 2,3 millóns reservados pola Xunta para Santiago de Compostela como capital de Galicia. Así, con Vigo triplicando o censo santiagués, á cidade olívica lle corresponderían 6,9 millóns. Abel Caballero comunicará oficialmente por carta a posición municipal tanto ao presidente da Xunta como aos grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia.

“Ser capital de Galicia é un privilexio en termos de contexto político, administrativo e económico”, sinalou Caballero, “e non digo que non á capital de Santiago, pero a capitalidade non se pode converter nun privilexio para recibir ademais diñeiro que os demais non recibamos”. Engadiu o alcalde que “está moi ben que Santiago reciba recursos; Vigo, tres veces máis. Esta é a miña reclamación á Xunta de Galicia, que manteña os recursos para Santiago, pero que a Vigo lle dea tres veces máis”.

Segundo recordou, os grupos parlamentarios debateron recentemente unha proposta para duplicar a achega que a Xunta destina a Santiago en concepto de capitalidade, que elevaría a contía por encima dos cinco millóns de euros. De saír adiante, “se a Santiago lle achegan cinco, a Vigo terán que achegarlle quince. Esta é a lóxica de funcionamento”, concluíu.

Descargar todas as imaxes