Escoitar

O alcalde esixe á Xunta ampliar o aforo na hostalería, acorde á incidencia Covid en Vigo

A incidencia acumulada (IA) a 14 días na cidade continúa baixando e sitúase en 124 casos por 100.000 habitantes, mais a autoridade sanitaria mantén á hostalería viguesa no nivel medio de restricións, aplicable nos municipios cunha IA entre 150 e 250. “Teñen que adecuar a situación”, insistiu Caballero, o que suporía elevar o aforo interior ao 50% e o exterior, ao 75%.

luns, 10 mai 2021
O Concello contratou en decembro un servizo de asesoramento á hostalería sobre a normativa Covid vixente
O Concello contratou en decembro un servizo de asesoramento á hostalería sobre a normativa Covid vixente

Os bares e cafeterías viguesas manteñen un aforo máximo permitido do 30% do total dentro do establecemento e do 50% fóra, a norma establecida pola Xunta para as urbes que presentan un nivel medio en incidencia acumulada, entre 150 e 250 casos por cada 100.000 habitantes en catorce días.

Pola contra, a cidade está rexistrando unha “baixada importante” nos últimos dez días e este luns, segundo os últimos datos por municipios publicados e valorados polo alcalde, rexistra unha incidencia acumulada de 124 positivos, 2,7 puntos menos que ao día anterior. Abel Caballero subliñou que Vigo está polo tanto por debaixo do “número crítico” de 150, mais as restricións á hostalería viguesa non foron adaptadas á situación actual.

“Neste momento estamos practicamente igual que A Coruña”, explicou o alcalde sobre a incidencia acumulada viguesa, “e sen embargo en Vigo estamos aínda na norma media, que significa moito menos aforo utilizable na hostalería”. O alcalde demanda un cambio e dirixiuse públicamente ao presidente, Alberto Núñez Feijóo, e ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña: “Esixo á Xunta de Galicia o tratamento que lle corresponde a Vigo polo nivel de incidencia acumulada que ten, non pode seguir facendo tratamento discriminatorio”.

Descargar todas as imaxes