Escoitar

O Concello organiza por primeira vez un curso gratuíto para formar ata 25 socorristas

O alcalde informou este venres da iniciativa, que busca capacitar como socorristas a titulados en Actividade Física e do Deporte. A preinscrición se formaliza no 010 durante a próxima semana e o alumnado compaxinará as clases teóricas con prácticas nas praias de Vigo.

venres, 7 mai 2021
Abel Caballero, xunto con edís do seu goberno, no izado da bandeira azul de Samil do ano pasado
Abel Caballero, xunto con edís do seu goberno, no izado da bandeira azul de Samil do ano pasado

O Concello de Vigo oferta 25 prazas no seu “Curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais”, unha nova iniciativa formativa e de emprego coa que busca capacitar a titulados na rama deportiva como socorristas cun ensino mixto: teórico e práctico.

O alcalde informou este venres do curso e explicou que o alumnado terá a posibilidade de inscribirse no Rexistro Profesional de Socorristas de Galicia e exercer nas dez praias de Vigo con bandeira azul, incorporándose ao servizo municipal de salvamento que funcionará desde o 15 de xuño ata o 15 de setembro con 47 profesionais.

As persoas interesadas deben ser tituladas na licenciatura ou no grao en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, ou no Ciclo de Técnico Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas. O Concello dará prioridade aos empadroados en Vigo e aceptará aos candidatos doutros municipios en tanto queden prazas libres.

O Concello abre este luns o proceso de preinscrición. Desde o día 10 ata o 14 de maio, ambos incluídos, os interesados poden anotarse no teléfono 010, desde as 8 ata as 20 horas. Posteriormente, a formalización será a través do correo electrónico que lles facilitarán telefonicamente, onde terán que dirixir a solicitude, o certificado de empadroamento, unha declaración responsable polo Covid e a copia da súa titulación requirida en actividade física e deportiva.

Abel Caballero avanzou que esta formación gratuíta permitirá "proporcionar socorristas en tempo e forma en todas as praias da cidade" que dispoñen deste servizo. O alcalde recordou que Vigo conta este ano con dez praias distinguidas coa Bandeira Azul (Rodas, Fortiñón, Canido, O Vao, Fontaíña, Samil, Argazada, Tombo do Gato, Carril e A Punta) e o dispositivo municipal estará conformado por 47 persoas, ás que se sumarán os axentes da sección Costa e Praia da Policía Local de Vigo. O Concello adica anualmente ao servizo de socorrismo e salvamento 566.000 euros.

 

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes