O Concello licita por 1,6 millóns a transformación da Praza da Miñoca
O alcalde informou da aprobación dos pregos e apertura do concurso público para unhas obras que durarán seis meses. A Xunta de Goberno Local tamén contratou este xoves a segunda fase da humanización de Purificación Saavedra e adxudicou a mellora da Estrada da Venda, ás que o Concello adicará máis de medio millón de euros.
Avanza a tramitación municipal da nova Praza da Miñoca. O goberno de Vigo aprobou este xoves o expediente de contratación dun proxecto que busca “naturalizar o espazo”, en verbas de Abel Caballero. O Concello reserva 1,6 millóns de euros ao efecto e as obras prolongaranse durante un prazo estimado de seis meses.
Caballero detallou este xoves en rolda de prensa as principais características da futura Miñoca. O deseño dos xardíns integrarase nos estanques e as canalizacións de auga, e haberá diversas plantacións arbóreas, entre as que citou os cereixos e exemplares xaponeses; o goberno vigués prevé crear un río artificial e dispoñer o terreo en bancais para salvar a pendente. Por outra banda, a planificación municipal inclúe unha bancada multifuncional para pequenos eventos e un perímetro con bulevar e carril bici.
O parque infantil tamén experimentará un notable cambio con respecto ao actual, en primeiro lugar, de tamaño. O proxecto recolle un “macro parque infantil” de dous mil metros cadrados de superficie, explicou o rexedor, repartidos en zonas de area, caucho e céspede. Tamén se construirá unha zona de parkour e se instalarán aparatos biosaudables para o exercicio da xente maior.
O Concello renovará ademais as redes de abastecemento, pluviais e canalizacións eléctricas, reparará as lastras existentes e incorporará unha nova iluminación de “maior calidade e aforro enerxético”, informou Caballero. Por último, o alcalde avanzou que se reparará o recubrimento da escultura.
Humanizacións
A Xunta de Goberno Local celebrada este xoves deu novos pasos para acometer dúas humanizacións máis, segundo comunicou o primeiro edil. O goberno de Vigo adxudicou a remodelación da Estrada da Venda, onde se construirá unha nova beirarrúa de metro e medio de ancho ao longo de máis de 600 metros de rúa. O orzamento ascende a 269.000 euros para uns traballos que durarán uns catro meses e contemplan nova rede de pluviais, sumidoiros, pozos de rexistro e iluminación.
En segundo lugar, o Concello abre o proceso de licitación pública para as obras de humanización da rúa Purificación Saavedra na súa segunda fase, a comprendida entre Travesía dos Foxos e Enrique Lorenzo. O importe ascende a 312.000 euros e o prazo de execución dos traballos será duns cinco meses. Segundo explicou Caballero, o goberno vigués renovará completamente os pavimentos, as redes soterradas de saneamento, abastecemento de auga e alumeado, a canalización eléctrica e a rede de rego. A humanización seguirá o modelo das existentes na zona, potenciando o uso peonil da vía e con xardineiras e novo mobiliario urbano.