O Concello pide precaución para adaptarse aos novos límites de velocidade en Vigo
Vigo adapta as velocidades das súas rúas á nova normativa de circulación que limitará a maior parte das vías a circular a 30 km hora. En todo caso, a cidade xa leva moitos anos adoptando decisións para “calmar” o tráfico polo que 176 rúas xa tiñan restricións de velocidade por debaixo do permitido.
A concelleira de Tráfico, Elena Espinosa, avanzou que hoxe martes entra en vigor a modificación do Regulamento Xeral de Circulación en materia de medidas urbanas de tráfico con novas velocidades xenéricas. 20 km/h para vías con plataforma única de calzada e beirarrúa; 30 km/h en vías dun único carril por sentido de circulación e 50 km/h en vías con dous ou máis carrís por sentido de circulación. Tal e como dixo, as condicións máis importantes desta modificación empezan por sinalar que ningunha vía dentro do municipio poderá superar o límite de velocidade de 50 km/h, salvo as autovías ou autoestradas que descorran polo municipio -que terán un límite de 80 km/h-. A normativa permitirá aos concellos reducir a velocidade xenérica previa sinalización específica, así como aumentar a velocidade xenérica en vías dun so carril por sentido ata una velocidade de 50 km/h, previa sinalización específica.
Tal e como lembrou o rexedor na súa intervención, o Concello leva moitos anos “calmando o tráfico da cidade” para favorecer a mobilidade peonil e nestes momentos, é preciso reforzar a precaución para ir adaptándonos ás variacións de velocidades que rexen no tráfico. No caso de Vigo, xa se viña aplicando unha rebaixa de velocidade favorecida polo gran número de viais humanizados, a execución de pasos de peóns sobreelevados ou os lomos de asno. De feito, en Vigo xa había unhas 176 rúas con límite de velocidade por debaixo dos 50 km/h. A maior parte das vías dun solo carril humanizadas e cun sentido único de circulación que xa estaban limitadas a 30 km/h. Outras vías de dobre sentido de circulación e cun carril para cada santido que serven como arteria de unión do casco urbano coas parroquias tamén estaban xa limitadas a 40 km/h.
Baseándose na nova normativa e nas características de Vigo, o Concello fixo un estudio das 1.770 rúas para adaptalas á velocidade axeitada en todo o termo municipal. Entre as zonas que quedarán limitadas a 20 km/h (en azul claro no mapa situado na páxina web municipal) están as rúas dos cascos vellos, a rúa Isabel II, Manuel Núñez, Pablo Morillo ou Ronda don Bosco. Ademais e como exepción, tamén se inclúen neste apartado algunas rúas que -aínda que non teñen plataforma única – tamén priorizarán aos peóns permitindo zonas de xogo na calzada como a Praza da Miñoca, a Alameda Suárez Llanos ou a Praza Independencia.
As vías sinalizadas con límite de 30 km/ h serán as maioritarias (grafiadas en verde escuro no mapa). Son vías dun carril único por sentido de circulación (Alfonso X El Sabio, Baiona, Barcelona, Camiño Barciela, Brasil, Camelias, Brasil). Como excepcións, o Concello elevará ese límite ata os 40 km/h nas vías que considera arterias principais e rúas colectoras como Estrada Venda y calle Seixo, en Beade; Monte Calvario ou Xestoso, en Bembrive ou a Avenida Atlántida.
Tal e como di a norma, non se poderá circular a máis de 50 km/h nas vías de dous ou máis carrís por sentido de circulación (en vermello no mapa), este é o caso da Avenida de Europa (entre Alcabre y Navia), Alcalde Portanet, Aragón, rúa Conde Gondomar, rúa Coruña....). Tamén neste apartado o Concello fai excepcións. A primeira é reducir a 30 km/h a velocidade en vías que están no casco urbano ou viais ou teñen moita intensidade peonil como a rúa Cervantes, Vía Norte, Gran Vía -entre Praza de España y Urzáiz. O límite reducirase a 40 km/ h en vías próximas a centros escolares... como a avenida de Samil, a avenida de Balaídos, unha parte da avenida Buenos Aires.....)
Outras dúas singularidades atopámolas (grafiadas en morado) en Arquitecto Palacios e Clara Campoamor -entre o Parque Tecnolóxico e o CUVI-. Ambas as dúas teñen características de estradas urbanas non convencionais, son arterias principais de circulación, con ampla capacidade e, polo tanto, cumpren os criterios dunha autovía e seguirán limitadas a 70 km/h.